Site icon Crónica3.com A Mariña

Crearán unha zona de aparcamento en Burela nun terreo da rúa Pardo Bazán frente ao parque

Nota de prensa

ALFREDO LLANO ANALIZARÁ  AS OPINIÓNS DE VECIÑOS E COMERCIANTES SOBRE A POSIBLE PEATONALIZACIÓN DA RÚA PARDO BAZÁN E DESPOIS O EQUIPO DE GOBERNO TOMARÁ  UNHA DECISIÓN.

Burela, 1 de decembro de 2010. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que analizará as opinións que onte lle deron veciños e comerciantes sobre a posible peatonalización da rúa Pardo Bazán e despois o equipo de goberno tomará unha decisión.

O rexedor destacou a grande participación de veciños e comerciantes no encontro celebrado onte no Concello e dixo que “o acto foi transparente e participativo o que remarca a nosa filosofía de abrirnos á sociedade e de ter en conta a opinión dos veciños de Burela á hora de tomar decisións”. Alfredo Llano recoñeceu que “non hai un consenso total, pero o que é determinante é coñecer a opinión dos veciños e os seus argumentos. Agora estudiarémolas e máis adiante decidiremos si seguimos adiante ou non con este proxecto”.

O alcalde de Burela sinalou que “os que están en contra, a maioría comerciantes, falaban de que lles podía afectar negativamente a posibilidade de que non existan aparcamentos si se peatonaliza a rúa, pensan que ao non haber fluidez de tráfico os seus negocios se poden resentir. E os que están a favor din que sería unha zona de expansión máis para Burela, que daría máis confianza, que se podería pasear con tranquilidade e que sería positivo para os negocios, ao igual que ocorreu noutras vilas ou cidades que peatonalizaron algunhas das súas rúas”.

Sobre os aparcamentos Llano subliñou que “estamos falando e xa está comprometido, fágase ou non peatonal a rúa Pardo Bazán, hai un solar fronte ao parque que se dotará en parte a prazas de aparcamento. E despois a nivel global en Burela contaremos tamén con máis zonas para deixar os coches porque en Torrentes van quedar as rúas listas en breve, de momento alí o ritmo de construcción será lento e teremos polo tanto rúas de aparcamento. Este asunto non sería o máis complicado para levar adiante a peatonalización da rúa Pardo Bazán, senón a fluidez de tráfico pola zona”.

Delegación da TVG

O alcalde lamentou o peche da delegación da TVG en Burela. Llano comentou que “estamos diante do desmantelamento dun servizo máis aquí na Mariña. Era un servizo público de información, era quen nos poñía un pouco no aire para dar a coñecer as novas da nosa comarca, somos preto de 90.000 habitantes e debemos ter ese servizo ou incluso amplialo”. O rexedor comentou que “os traballadores ou ben serán despedidos ou trasladados a outras delegacións na capital da provincia ou noutros puntos de Galicia. Temos que pelexar onde corresponda para que esta delegación volte a traballar  porque é un servizo básico ao que temos dereito todos os habitantes da Mariña. Así dáselle pouco valor á nosa comarca, paréceme moi mal esta medida e temos que loitar onde corresponda para recuperar esta delegación”.

Pacto polo emprego

Por outra banda, Alfredo Llano, anunciou a celebración en Burela de tres cursos do Pacto Provincial polo Emprego da Deputación, “houbo unha serie de selección para participar nesta convocatoria e aquí vánse impartir tres cursos: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais de 450 horas, operacións auxiliares de fabricación de 340 horas e auxiliar de enfermería en xeriatría de 300 horas. Os cursos daránse no noso centro de formación e contaremos cun mínimo de 15 alumnos por rama que chegarán desde Burela e desde outros puntos da comarca”. O alcalde engadiu que “son cursos becados que veñen indicar que estamos apostando directamente pola colocación, polo emprego e pola formación. O asistentes sairán cunha formación moi específica que lles abrirá o camiño no emprego. Esto complementa os cursos á pequena e media empresa que se están dando aquí en Burela o cual quere dicir que a nosa implicación e o compromiso é total neste sentido”.

Exit mobile version