Site icon Crónica3.com A Mariña

Julián Bouza Castrillón mostra a súa fotografía no CENIMA de Foz

Nota de prensa:
JULIÁN BOUZA CASTRILLÓN: Mostra por primeira vez a súa obra fotográfica no CENIMA (Foz).

Definir unha obra tan heteroxénea como a que aquí presento polo seu contido, intencionalidade ou contexto pode ser unha tarefa ardua que non estou en disposición de afrontar. Porque unha obra debe definirse por si mesma, sen artificios nin xustificacións excesivamente adornadas. Estas son as pautas que eu sigo para a miña obra e deste xeito a quero describir.

Esta concisa exposición define a visión que eu teño do traballo fotográfico.Transmitir directamente a maxia que unha imaxe fixa evoca no espectador supón, as máis das veces, un esforzo titánico, pois require dun certo criterio á hora de illar o importante desa imaxe ou do seu contexto. A fotografía sácase moito antes de premer o disparador e continúa moito despois de ser plasmada, ben en soporte fixo o por transmisión dixital.

A miña obra non ten intencionalidade metafísica, nace como a necesidade de amosar a beleza oculta que nos rodea e que moitas veces non somos capaces de captar por nós mesmos. A manipulación extrema á que someto moitas das miñas fotografías trata precisamente diso: mostrar ou ocultar para construír unha imaxe nova coa que guiar ó espectador cara esa beleza. Considero o traballo de laboratorio tan importante como o traballo de campo e así oriento cada foto que tomo.

Defínome como un fotógrafo ecléctico que en cada imaxe busca a súa propia perfección e nesta miña primeira exposición quero transmitirlle ó público esa particular percepción que teño do traballo fotográfico.

Exit mobile version