Site icon Crónica3.com A Mariña

“Máis talento, menos cemento” continúa a súa andaina en contra do modelo urbanístico de Barreiros

Nota de prensa

ACTIVIDADES CULTURAIS MÁIS TALENTO-MENOS CEMENTO

Informámolles que o grupo Máis talento, menos cemento continúa a súa andaina de actividades culturais e de mobilización en contra do actual modelo  de crecemento urbanístico do concello de Barreiros.

Durante a primeira semana de decembro enviouselles a todos os veciños de Barreiros unha carta cos principios e obxectivos deste grupo (en arquivo adxunto), e informóuselles da nova actividade que terá lugar o 6 de decembro ás 6 da tarde nos colexios novos de San Miguel de Reinante:

Proxección do documental “Imaxina Barreiros”, realizado por Laly López e Comba Campoy.

O documental tende unha ponte entre o pasado e o presente de Barreiros, contrastando as voces narrativas  dos nosos pais e avós coas dos mozos de agora.  Tralo documental queremos que a xente maior tome a palabra para lembrarnos como  vivían, traballaban, amaban, se relacionaban e se divertían hai 50 anos.  O obxectivo é promover a reflexión sobre en que mellorou e en que empeorou a nosa vida dende entón mediante o contraste crítico entre o pasado e o presente.

Despois, quen o desexe poderá mercar o DVD co documental para ter de recordo, e repartirase tamén un caderniño cos textos lidos no Roteiro da I Festa de exaltación do cemento, onde veciños de Barreiros homenaxearon con fermosas palabras lugares emblemáticos da historia de Barreiros, algúns dos cales se perderon para sempre, como un hórreo centenario derrubado polo concello, e outros están moi deteriorados, como as Escolas feitas polos emigrantes na Habana a principios do século XX.

Na nosa páxina de facebook está anunciado este acontecemento, do que lles envío tamén documentación adxunta:

http://www.facebook.com/home.php?#!/event.php?eid=181348985208908

Alén disto, durante o  Nadal, temos previsto facer unhas xornadas sobre territorio, paisaxe e alternativas económicas para o rural, ás que convidaremos a diferentes especialistas e das que informaremos detalladamente á prensa.

Exit mobile version