Site icon Crónica3.com A Mariña

Mentres o alcalde de Cervo remite cartas de autobombo o PP nega en Santiago investimentos en Cervo, asegura o BNG

Nota de prensa

MENTRES O ALCALDE DE CERVO REMITE CARTAS DE AUTOBOMBO AOS VECIÑOS O SEU PARTIDO NEGA EN SANTIAGO INVESTIMENTOS EN CERVO

Villares malgasta cartos públicos para a súa campaña de promoción persoal obviando a situación económica do concello e as múltiples reclamacións por falta de pago de provedores

O PP dixo non ao dragado da presa de Rúa, non a vivendas sociais, non a unha gardería, non a investimentos no porto, non a actuacións no Castro da Atalaia

Cervo, 23 de decembro de 2010. O BNG de Cervo denunciou a utilización do alcalde de Cervo de fondos públicos para a campaña de auto bombo e promoción persoal que o Sr. Villares leva tempo facendo sen ter en conta nin a situación económica do concello nin as constantes reclamacións por falta de pago a provedores que seguen chegando á casa consistorial.  Os nacionalistas poñen como exemplo desta campaña a remisión dunha carta de felicitación a tódolos cidadáns asinada polo alcalde na que, sen ningún reparo, Villares fai repaso dos seu bo facer e ten o descaro de reclamar a colaboración doutras administracións ao tempo que o seu partido pasaba a apisonadora a todas emendas presentadas aos orzamentos da Xunta para 2011 que impedirán múltiples investimentos no concello.

Os votos en contra do PP impediron o dragado da presa de Rúa, unha gardería, vivendas sociais, melloras no porto de San Cibrao ou actuacións no Castro da Atalaia.

Os nacionalistas non dubidaron en tachar ao alcalde de Cervo de “hipócrita político”  xa que mentres pide nunha carta aos veciños e veciñas “colaboración das administracións para mellorar Cervo” o seu partido vota en contra desta colaboración no parlamento galego “tirando ao lixo calquera novo investimento en Cervo por parte da Xunta no exercizo 2011”. O portavoz municipal Xoán Estúa, non deixou escapar das súas críticas ao Tte. Alcalde e parlamentar, José Manuel Balseiro, “este señor di unha cousa en Cervo e outra en Santiago”, en referencia ao acordo da corporación cervense que reclamaba o dragado da Presa de Rúa “que foi negado por Balseiro en Santiago votando en contra da emenda presentada polo BNG”. Na mesma liña, o nacionalista, criticou a negativa do mesmo representante popular a apoiar a construción de vivendas sociais, unha gardería, melloras no porto de San Cibrao ou actuacións no Castro da Atalaia.

Villares non ten reparos e financiar unha campaña de promoción persoal a conta do peto de tódolos veciños e veciñas do concello

Os nacionalistas  non pasaron por alto unha carta asinada polo alcalde que está chegando nestes días a tódalas casas de Cervo, coincidindo co reparto do almanaque anual, “Villares fai campaña persoal facendo propaganda  a conta de fondos municipais que saen do peto de tódolos veciños e veciñas”, Para Estúa “a Villares so lle faltou pedir o voto para as municipais” polo que lle pediu tranquilidade e esixiu “menos propaganda e mais traballo” e lembroulle que “para esixir aos demais austeridade e esforzos hai que comezar dando exemplo e iso no goberno municipal que preside escasea”. O nacionalista dixo que Villares “ademais de facer uso indebido dos seus cartos, insulta a súa intelixencia” xa que algunha das actuacións que o alcalde se da súa xestión “levamos quince ou oito anos agardando por ela”, caso do subministro de auga e o saneamento, e outras como a residencia quíxose xestionar durante o anterior goberno galego e o seu goberno dende Cervo, negouse a facer avances na súa tramitación.

Os nacionalistas piden ao alcalde de Cervo “que se aplique o conto da austeridade” xa que mentres o seu goberno “gasta a maos cheas en propaganda e suculentos xantares hai provedores que seguen sen cobrar e reclaman con insistencia o cobro das débedas adquiridas polo concello”.

Exit mobile version