Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando considera que Burela reúne condicións para ser cabeceira de comarca o que a Xunta nega

Nota de prensa

NEVES CANDO CONSIDERA QUE BURELA REÚNE CONDICIÓNS E SERVIZOS DABONDO PARA SER CATALOGADA COMO CABECEIRA DE COMARCA NAS DIRECTRICES DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO DA XUNTA. A TENENTE DE ALCALDE PÍDELLE AO PP QUE SE PRONUNCIE AGORA QUE O GOBERNO GALEGO REXEITOU AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POLO CONCELLO.

Burela, 27 de decembro de 2010. A Xunta desestimou as alegacións presentadas polo Concello para que Burela sexa considera cabeceira de comarca ao igual que Viveiro e Ribadeo nas Directrices de Ordenación do Territorio. A tenente de alcalde, Neves Cando, di que Burela conta con condicións e servizos dabondo para que non quedar catalogada na segunda división dese documento e pídelle ao PP burelés que se pronuncie ao respecto.

A edil nacionalista explicou que “no pleno que imos celebrar o vindeiro xoves incluimos un punto para dar conta da resposta que nos enviou a Xunta ás alegacións que presentamos o pasado mes de agosto ás Directrices de Ordenación do Territorio que aprobara inicialmente o goberno do PP. Nese documento marcábanse dúas cabeceiras de comarca que son Ribadeo e Viveiro e Burela aparece catalogada en segunda división como subcabeceira de comarca”. Neves Cando sinalou que “desde o equipo de goberno cremos que isto non se corresponde coa realidade social, económica e real do noso concello, que conta cun moi importante sector primario da pesca, un sector terciario de servizos e cunha poboación en claro ascenso ano a ano, conta tamén cun hospital comarcal e con outros servizos administrativos moi importantes e únicos en toda a comarca”.

A tenente de alcalde lembrou que “cando debatimos este asunto en pleno o PP de Burela non quixo dicir nada sobre o tema e nada dixo nunca públicamente sobre este documento, polo tanto a conclusión é clara, o PP de Burela está de acordo coa catalogación que fixo a Xunta sobre o noso pobo ao considerala unha vila de segunda división. E agora o escrito de resposta da Xunta ás nosas alegacións tampouco deixa ningunha dúbida ao respecto, di que Burela será un complemento ás restantes cidades do sistema urbano, pero nunca cabeceira de comarca como seguirán a ser Ribadeo e Viveiro. É dicir, Burela, segundo a Xunta do PP, non cumpre os requisitos para ser cabeceira de comarca como son contar cunha serie de equipamentos, de dotacións e de servizos que son núcleos de influencia sobre a poboación, pero esa non é a realidade de Burela, que sí conta cun hospital comarcal, coa sede do Instituto Social da Marina, coa sede da Capitanía Marítima e que se está a converter nun núcleo de poboación que medra ano a ano e que ten uns sectores productivos que para nada son complementarios doutras vilas como Ribadeo ou Viveiro. E sen embargo ésta é a resposta da Xunta, desestimar as nosas alegacións e condenar a Burela á segunda división”.

Cando engadiu que “agora haberá que agardar a saber qué opina por fin o PP de Burela, agora que a resposta da Xunta é firme o PP terá que dicir algo e pronunciarse sobre cómo queda Burela nestas Directrices de Ordenación do Territorio”.

Exit mobile version