Site icon Crónica3.com A Mariña

…Non había/haberá unhas vidrieiras…? Ideas para a recuperación

Despois da saír á palestra a denuncia de O Tesón da desfeita das vidrieiras do cemiterio, tal parece que o tema quixérase que pasara desapercibido: un único artigo na Comarca, de Pancho Campos (1), tras o da fin de semana no que saía nos medios a nota de O Tesón (2) e o artigo en ribadeando (3). As fotos (públicas, en flickr (4) ou en facebook (5), tomadas por Pancho e etiquetadas como ‘Vidrieiras da capela do Cemiterio’), son un complemento, sen máis. Pancho Campos é o Presidente de O Tesón, e eu, o secretario. É dicir, ata o momento, fora da avv, algunha cousa nos medios que indica que se vai abrir/que se ten aberto unha investigación por parte do concello, e punto. Mentras, hai oito vidrieiras cun valor que non se cuantificou polo de agora, pero que todo apunta a que é grande, e que pasaron a mellor vida no camposanto. Un camiño que parece ser o que se pretende coa historia mesma da denuncia.
Pois non.
Cando esto escribo, supoño que dúas semanas aínda é pouco, e por iso non se voltou a saber nada oficial do tema. Supoño asemade que as institucións de diverso tipo necesitan para reaccionar tamén un tempo, e aínda non o deron feito, pero que o farán.
Mentras, o lugar que ocupaban as vidrieiras ven sendo ignorado (e mellor así, a estética actual do lugar non admite comparación algunha coa anterior). E seguen vai saber onde, pero de calquera xeito fixo que como estaban despois do articidio: amontoadas por cachos, en moitos casos separados, en moitos rotos, en moitos aínda con outros tipos de feridas como as derivadas do lume. En todos, en mal estado.
A recuperación, como di Pancho no seu artigo, non se ve nada clara. Así, quizáis fora cousa de abrir un debate sobre o mellor xeito de facelo. De dar ideas que podan facilitar unha hipotética recuperación.
Apúntome. As respostas poden ser dadas en moito sitios. Nestas páxinas, no blog de O Tesón, direitamente no concello, nos medios de comunicación, nun dos varios sitios que en internet tentan facer de Ribadeo un lugar mellor, …
Ideas para a recuperación das vidrieiras. Son necesarias. Tamén o son para evitar que isto pase como auga de maio. A recuperación do debuxo que facían, o rescate de fotos que podan axudar a ver como eran, os detalles de como estaba o chumbo de suxección, ou mesmo da estrutura de soporte (algo deteriorada, o que poidera ser o detonante da situación actual), un protocolo de actuación para a conservación de bens de Ribadeo, … Cousas a facer de xeito paralelo á denuncia. Non se trata de procurar culpas onde non as hai nin de escamotear onde as poidera haber. Trátase de facer as cousas o mellor posible, de gardar o noso patrimonio, de procurar facer un Ribadeo mellor.
Antonio Gregorio Montes

1.-Ver a Comarca de 27/11/2010 ou http://ribadeando.blogspot.com/2010/11/brutalidades-por-pancho-campos.html
2.- http://o-teson.blogspot.com/2010/11/nota-de-prensa-sobre-as-vidrieiras-do.html
3.- http://ribadeando.blogspot.com/2010/11/un-momento-pero-non-habia-vidrieiras-ai.html
4.- http://www.flickr.com/photos/38183746@N04/sets/72157625403296117/
5.- http://www.facebook.com/album.php?aid=2062218&id=1430221903

Exit mobile version