Site icon Crónica3.com A Mariña

O 3º trofeo Raíñas Meigas acollerá o duelo galego entre Poio FS e Burela FSF o 4 de xaneiro

Nota de prensa:
O III TROFEO RAÍÑAS MEIGAS ACOLLERÁ O DUELO GALEGO ENTRE POIO FS E BURELA FSF (4 XANEIRO)

Vista Alegre inaugurará 2011 co III Trofeo Raíñas Meigas, o 4 de xaneiro, e o duelo galego entre o Poio FS, da División de Prata, e o Burela FSF Pescados Rubén. O salón de plenos do consistorio burelao acolleu esta mañá a presentación do certame coa presenza de Antonio Veiga, responsable de Deportes da Deputación de Lugo, e Neves Cando, concelleira de Deportes de Burela, ademais de José Ramón González Casas e José Luis Sáez, presidente e director xeral do club, respectivamente.

Baixo a organización da entidade laranxa, co apoio das áreas de Deportes da Deputación de Lugo e o Concello de Burela e a colaboración do xornal El Progreso, a principal novidade desta terceira edición centrarase na participación das categorías inferiores. Así, como antesala do encontro entre pontevedresas e luguesas, previsto para as 20.00 horas, o novel ED EON Burela FS Infantil Feminino medirase á base do cadro visitante (18.30). A entrada será gratuíta.

Antonio Veiga gabou o labor do club burelista e felicitouno pola “implicación na consolidación do fútbol sala feminino e polo seu dinamismo, xa que nunca deixa de sorprendernos coas súas iniciativas; por iso ten máis que merecido todo o noso apoio”. Neves Cando destacou a incorporación das categorías de base ao trofeo como un gran paso no impulso do fútbol sala feminino na comarca e animou o CD Burela FS a continuar cun “trofeo que xa se converteu en todo un referente do Nadal”. Por último, José Ramón González Casas e José Luis Sáez agradeceron o esforzo continuado das institucións e convidaron a todos os afeccionados/as a gozar da gran cita.

Exit mobile version