Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo di que hai que tomar medidas urxentes para que a torre dos Moreno non sexa un perigro

Nota de prensa

O DOG PUBLICA UNHA RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA NA QUE SE DECLARA A CADUCIDADE DO CONVENIO DE COMPROMISO ENTRE O CONCELLO E OS PROPIETARIOS DA TORRE DOS MORENO. O CONCELLO LEVARÁ ADIANTE AS MEDIDAS URXENTES QUE CONSIDERE OPORTUNAS PARA GARANTIR QUE O EDIFICIO NON SUPOÑA UN PERIGO PARA A CIDADANÍA.

Ribadeo, 23 de decembro de 2010. Hoxe o DOG publica unha resolución da Alcaldía na que se declara a caducidade ou perención do convenio de compromiso entre o Concello de Ribadeo e os propietarios da Torre dos Moreno. Despois de moitos anos de intentos por chegar a acordos coa propiedade privada do inmoble que non fructificaron, o Concello levará adiante as medidas urxentes que considere oportunas para garantir que o edificio non supoña un perigo para a cidadanía.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “o Diario Oficial de Galicia publica un extracto dunha resolución da Alcaldía que entendo é un punto de inflexión sobre a relación do Concello e a Torre dos Moreno, singularmente cos propietarios do inmoble. Estamos diante dun edificio tan emblemático, tan importante, pero tan enfermo desde o punto de visto das patoloxías que ten a súa estructura, non ten aínda 100 anos, pero está nunha situación lamentable. Temos informes técnicos que acreditan e que advierten que se atopa nunha situación extrema e que hai que actuar de xeito inmediato”.

O rexedor subliña que “tamén ten unha patoloxía xurídica enormemente complexa, dunha porción moi importante de propietarios fragmentados, dispersos por España adiante, por Galicia e por América. Entón fáise francamente difícil chegar a un acordo con todos eles e a liña que veu levando adiante o Concello desde a década dos 90 revélase imposible, porque nunca imos chegar a ter a propiedade, o edificio vai acabar caendo e imos acabar tendo nós unha responsabilidade en todo isto”.

Suárez Barcia explicou que “o que ven dicir esta resolución é que a partires da agora cada pao terá que aguantar a súa vela e o Concello tamén na parte que proporcionalmente lle corresponda. O Concello ten o 21% aproximadamente da propiedade e diso nos temos que facer responsables, pero o resto de propietarios tamén o teñen que facer en toda a súa parte porque iste é un tema que nos afecta a todos, pero nós como institución pública somos os veladores para evitar que isto se veña abaixo con todos os problemas e as desgracias que iso pode ocasionar”.

O alcalde engadiu que “a partires de agora seguramente nos vindeiros días verán que se adoptan medidas de urxencia para actuar na Torre dos Moreno, e de todos istes pasos que levamos facendo meses é coñecedora a Xunta a través dos diferentes departamentos de Patrimonio e confío e non me quedan dúbidas de que a colaboración institucional fará posible axudar para que todo isto non se veña abaixo. Todos debemos deixar de lado as nosas cuestións políticas, máis ou menos lexítimas, debemos estar todos a unha porque isto tamén é un BIC (Ben de Interés Cultural), declarado pola propia Xunta hai anos e confío tamén que poidamos estar arrimando o hombro as dúas administracións para lograr que isto, si cadra de maneira urxente, non se veña abaixo e para conseguir o que a lei di que todos os propietarios deben de facer”. Suárez Barcia lembrou que “todos os propietarios teñen dereitos, pero tamén obrigas. Desde logo pola parte que lle corresponde ao Concello non vai quedar, pero a outra parte, que supón prácticamente o 80%, debe ser consciente de que se está a enfrontar a unha situación absolutamente descarnada, cun edificio que ameaza ruina e o colapso total da súa estructura. A partires de agora a relación entre o Concello e os propietarios da Torre dos Moreno vai cambiar de xeito radical”.

Exit mobile version