Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela demanda no Parlamento unha resonancia para o hospital, unha escola infantil e dragar o encoro de Rúa

Nota de prensa:

CANDO E GONZÁLEZ LEGAZPI DEMANDAN UNHA RESONANCIA MAGNÉTICA ESTABLE NO HOSPITAL DA COSTA, A CONSTRUCCIÓN DUNHA ESCOLA INFANTIL OU O DRAGADO E LIMPEZA DO ENCORO DE RÚA. ÉSTAS SON ALGUNHAS DAS ENMENDAS QUE O BNG LEVA AO PARLAMENTO EN DEMANDA DE MÁIS INVESTIMENTOS PARA BURELA NOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE 2011.

Burela, 9 de decembro de 2010. A tenente de alcalde, Neves Cando, e o concelleiro de Comercio e Turismo, José González Legazpi, deron a coñecer esta mañá as enmendas que a súa formación levará ao parlamento galego en demanda de máis investimentos da Xunta no 2011 para Burela.

A edil nacionalista explicou que “estes días vánse debatir no parlamento galego os orzamentos da Xunta para 2011 e desde o BNG presentamos unha serie de enmendas porque, como diciamos no pasado mes de outubro, os orzamentos que presenta o PP para Burela son unha auténtica burla para todos os veciños e veciñas do noso pobo. Nese proxecto presentado pola Xunta só se contemplaba para Burela unha cantidade para o acceso ao porto, outra para reformas e equipamento no Hospital da Costa e unha pequena dotación para o centro de saúde. Iso é todo e si facemos unha comparativa dos últimos anos, si no 2009 nos últimos orzamentos feitos polo anterior goberno galego do PSOE e do BNG os investimentos en Burela eran de máis de 6 millóns de euros, pasamos no 2010 a uns orzamentos do PP onde baixaron aos 2 millóns de euros e agora para o 2011 só hai consignados algo máis de 700.000 euros nesas partidas anteriormente mencionadas”.

Neves Cando lembrou que “no pleno que celebramos no Concello de Burela o pasado mes de outubro no equipo de goberno presentamos unha moción que incluía unha serie de actuacións para introducir nos orzamentos da Xunta do ano que ven e relativa ás necesidades do noso concello. Nesa sesión o PP de Burela aprobou esta moción nosa recoñecendo así o que nós viñamos dicindo de que os orzamentos da Xunta eran ridículos e vergoñosos para Burela. Agora agardamos tamén que, en coherencia, o PP na Xunta recolla estas enmendas nosas aprobadas por unanimidade en Burela. Ditas enmendas refírense a actuacións moi concretas e necesarias para o noso pobo: un impulso decidido para o acceso ao porto, a dotación dunha resonancia magnética estable para o Hospital da Costa, o desenvolvemento do plano de mellora de atención primaria no noso centro de saúde, a atención aos servizos sociais e á dependencia coa concertación de prazas para o centro de día da Fundación Eu Son, continuar o plano director do porto de Burela, a construcción dunha nova escola infantil, a rexeneración e recuperación das pinturas da Vila do Medio e o dragado e a limpeza do encoro de Rúa, tan importante para o noso abastecemento de augas”.

A tenente de alcalde considera que “éstas son as necesidades básicas e urxentes para Burela e agardamos que como tales sexan recoñecidas polo goberno do PP e incorporadas aos orzamentos do ano 2011, tal e como se aprobou por unanimidade no pleno do Concello, porque senón é así sería moi difícil e inxustificable a postura do PP de Burela, porque non vale dicir aquí unha cousa e outra distinta en Santiago”.

Exit mobile version