Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo quere saber canto lles custan aos veciños os teléfonos móbiles do grupo de goberno

Nota de prensa

O BNG QUERE SABER CANTO LLES CUSTAN AOS VECIÑOS OS TELÉFONOS MÓBILES DO GRUPO DE GOBERNO E QUEN PARTICIPA NOS XANTARES REGADOS CON VIÑO DE RESERVA

Os nacionalistas esixen explicacións sobre dúas facturas de xantares por importe de 715 euros

Mentres o grupo de goberno come e bebe a facenda pública sigue sen asumir o pago de facturas de provedores de bens e servizos.

Cervo, 28 de decembro de 2010. O BNG esixiu ao alcalde explicacións sobre dúas facturas correspondentes a dúas comidas regadas con viño de reserva a 50 e 22 euros as botella que suman un importe total de 715 euros, os nacionalistas advirten que non se trata de comidas con moitos participantes e queren saber quen e como xustifica o goberno local que nunha situación de crise económica como a actual haxa quen se permite o luxo de facturar a nome do concello tal gasto. Para o BNG cervense non se pode permitir este malgasto e moito menos habendo provedores de bens e servizos que reclaman o pago de facturas que nalgún caso veñen atrasándose dende o ano 2009.

Quen participa e como se xustifica que en só dúas comidas de poucos comensais se faga un gasto de 715 euros.

Os nacionalistas pedirán explicacións ao alcalde pola facturación a conta do concello de dúas facturas por un importe total de 715 euros regadas ambas con viños de reserva e con menús “nos que hai de todo menos o prato do día”. Para o BNG non se pode permitir o abuso do cargo exercido polo goberno local “permitíndose sibaritismos a cargo das arcas públicas que non sabemos si o fan cando sae da súa carteira “, “si lles gusta comer e beber ben que o paguen dos seus petos, non do dos veciños e veciñas deste concello”, espetou o portavoz municipal nacionalista Xoán Estúa. Para Estúa non e propio de gobernantes responsábeis malgastar deste xeito os cartos que son de todos e compre dar explicacións. Neste sentido pedirá coñecer quen participou destes dous xantares e como xustifica o goberno a necesidade deste gasto.

Canto facturan os teléfonos móbiles do grupo de goberno e como se controla o uso responsábel destes aparellos.

O BNG presentará  unha batería de preguntas para coñecer que membros do grupo de goberno contan con aparellos de telefonía móbil a cargo da facenda local e canto gasto lle supoñen ás arcas públicas. Os nacionalistas fixeron fincapé en que “o control do gasto debe ser estrito na situación actual e hai maneiras de exercelo”. Para o portavoz municipal, Xoán Antón Estúa, “á vista da pouca contención que ten o goberno local noutras cousas, nisto debemos exercer o control que nos esixe o traballo de oposición”. Neste sentido anunciou a presentación dunha iniciativa para coñecer que membros da equipa de goberno dispoñen de teléfonos móbiles a cargo do concello e cal foi a súa facturación individualizada nos últimos cinco meses.

Mais de 176.000 euros en reclamacións por facturas atrasadas só  no mes de decembro.

O BNG puxo en contraposición ao “sibaritismo do goberno local” a constante chegada de reclamacións por parte de provedores de bens e servizos para o cobro de facturas atrasadas. Estúa expuxo que “so no mes de decembro hai reclamacións por 176.000 euros, algunha delas con mais de ano e medio de antigüidade” e criticou que “mentres o grupo de goberno cobra puntualmente os seus salarios e come a conta das arcas públicas hai moitos outros que non teñen tanta sorte”,

Exit mobile version