Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS-Albacete clausurará o I Encontro do deporte base na Mariña coa visita de José Venancio

Nota de prensa:

O BURELA FS-ALBACETE CLAUSURARÁ O I ENCONTRO DO DEPORTE BASE NA MARIÑA, COA VISITA DE JOSÉ VENANCIO

Despois dun mes, o Burela FS poderá vestir a camiseta de equipo local este sábado; será na décimo sexta xornada de Prata, ante o Albacete FS. O partido de Vista Alegre (18.30 horas) clausurará unha xornada repleta de actividades, coa primeira edición do Encontro do Deporte Base na Mariña, que contará coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro.

Tras o 4-4 de Navarra e o 1-1 de Barcelona, os rapaces de Suso Rey buscarán dar un paso máis para saír da monotonía do empate e conseguir os tres puntos ante un rival a priori accesible, que ocupa a décimo cuarta praza (14 puntos). Dos seis encontros a domicilio disputados polos manchegos ata o momento, só conseguiron tres puntos (Melilla 2-2, Jaén 3-3 e Lanzarote 3-3), sen coñecer a vitoria.

A única dúbida no vestiario mariñán será de novo Christian, cunha contractura de abductor na perna esquerda.

A última vez que se cruzaron as cores albaceteñas e burelás foi no play off de ascenso a Honra en 2004-05, que se resolveu a favor dos castelano-manchegos no último suspiro, cun equipo intratable feito a golpe de talonario.

Antes da cita Prata, os membros do club laranxa participarán nos actos do I Encontro do Deporte Base na Mariña, que comezará cun relatorio de José Venancio sobre a actualidade dos clubs (Hotel Nordés, 10.00 horas), seguido dunha charla-coloquio en torno o fútbol sala feminino de elite. Ás 12.00, a entidade faralle entrega ao seleccionador nacional da Insignia de Ouro e Brillantes do CD Burela FS. Unha sesión práctica co alumnado da EDM, en Vista Alegre, pechará o programa matinal. Xa pola tarde, a partir das 18.00, o pavillón acollerá unha sinatura de autógrafos de José Venancio, lugar onde o prestixioso técnico será nomeado socio de Honra do club (18.20).

Axenda apertada

O encontro ante os albaceteños será a primeira cita da atarefada axenda semanal que lles espera aos laranxas. O luns 6 disputarán os cuartos de final da Copa Galicia en Ribeira de Piquín (18.00 horas), de Primeira Nacional B. O mércores 8 tocaralle a quenda á Copa do Rei, na primeira eliminatoria, ante o Mera FS (17.00 horas), de Primeira A. Antes de volver á normalidade de adestramentos, o sábado 11 retomarán a competición de Prata na pista do UPV Maristas Valencia (18.30 horas).

Exit mobile version