Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Raíñas será un debi interesante, cun rival difícil que loita polo ascenso”

Nota de prensa:
RO: ‘O RAÍÑAS SERÁ UN DERBI INTERESANTE, CUN RIVAL DIFÍCIL QUE LOITA POLO ASCENSO’

Rosana Carballés remata 2010 co título de pichichi laranxa, con nada máis e nada menos que 17 tantos, “froito do bo traballo colectivo” segundo a propia xogadora. A co-capitá do Burela FSF Pescados Rubén quixo convidar a todos os afeccionados/as á primeira cita de 2011, o III Trofeo Raíñas Meigas. “Será un derbi interesante. O Poio FS é un equipo que está apostando polo ascenso; fixo fichaxes importantes de Honra. Nos dous últimos anos tivo a mala sorte de quedar ás portiñas da máxima categoría” explicou a burelá, incidindo na vistosidade da cita: “Espero que sexa un encontro de ti a ti e que todo o mundo poida gozar do espectáculo; poderemos ir sumando minutos todas xuntas, co aliciente que supón para a bancada a aparición das incorporacións”.

Neste ‘impasse’ competitivo, a pivote tamén analizou a traxectoria ligueira das laranxas ata o momento. “A palabra é inmellorable. Sabiamos que tiñamos que facer un sobreesforzo, pola escasa amplitude de banco, e obtivemos a recompensa merecida. Se a principio de tempada nos din que no Nadal estamos quintas, a un punto das cuartas, con enfrontamento directo e con posibilidades de estar incluso entre as tres primeiras ninguén o crería”.

Para afrontar con enerxía o novo ano, o cadro de Javier Pardeiro está inmerso nunha meticulosa preparación. “Despois da semana de rexeneración, coincidindo co Torneo Mundial, aproveitamos o Nadal para realizar unha pequena pretempada; estamos traballando fisicamente forte con dobres sesións diarias. Temos que cargar as pilas para afrontar o resto de tempada e chegar ben no caso de acceder á Copa de España” dixo Ro, que destacou a rápida integración das fichaxes de inverno: “Vannos dar aire fresco. Contar con dúas xogadoras máis, e por riba de calidade, daranos profundidade e vai permitir que todas poidamos estar ao cen por cento, sen resentirnos polo exceso de minutos”.

Con respecto aos obxectivos da tempada, Ro mostrouse optimista. “Firmaría agora mesmo rematar entre os catros primeiros porque iso implicaría ser cabeza de serie na Copa de España. A tempada é moi longa e nós nunca damos nada por perdido porque xa soubemos superar moitas adversidades e estamos respondendo” concluíu a pichichi burelista.

Exit mobile version