Site icon Crónica3.com A Mariña

O sábado rematará en Ribadeo cunha festa a campaña “As compras da túa vila teñen premio”

Nota de prensa:

O VINDEIRO SÁBADO REMATARÁ EN RIBADEO A CAMPAÑA AS COMPRAS DA TÚA VILA TEÑEN PREMIO CUNHA FESTA NA QUE SE REPARTIRÁN 3.000 EUROS EN AGASALLOS.

Ribadeo, 7 de decembro de 2010. O vindeiro sábado rematará en Ribadeo a campaña As compras na túa vila teñen premio que organizaron a Federación Galega de Comercio e o Centro Comercial Aberto, unha iniciativa que premiará con 3.000 euros a confianza no comercio tradicional con dúas tarxetas regalo de 300 euros e 24 tarxetas regalo de 100 euros, xentileza de Caixa Galicia.

Desde o pasado 29 de novembro os clientes do comercio ribadense están a canxear os seus tickets de compra por boletos para participar no sorteo que se celebrará o vindeiro sábado 11 de decembro a partires das sete da tarde nunha carpa de 150 metros cadrados instalada na rúa San Francisco.

A festa final da campaña encherá de actividades as rúas de Ribadeo desde as 11:30 da mañá. A esa hora haberá pasarrúas, zancudos e malabaristas, que repetirán actuacións ás 16:30 horas. Ás 12:30 está previsto un espectáculo de paiasos para os nenos e ás 17:30 haberá maxia cómica. Xa ás 18:30 horas terá lugar a actuación da cantante de O Incio Lucía Pérez e ás 19:00 dará comezo o sorteo dos premios, os posuidores dos boletos deberán estar presentes na carpa para converterse en gañadores e facerse cos premios.

Exit mobile version