Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo investirá 2 millóns de euros na reforma e ampliación do pavillón polideportivo

Nota de prensa

O CONCELLO APROBOU A LICITACIÓN DAS OBRAS DE REFORMA E AMPLIACIÓN DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO, QUE SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS. FERNANDO SUÁREZ CONSIDERA QUE RIBADEO CONTARÁ  CUNHAS INSTALACIÓNS DE ÚLTIMA XERACIÓN.

Ribadeo, 22 de decembro de 2010. No pleno extraordinario celebrado onte no Concello foi aprobada a licitación das obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo de Ribadeo, que suporán un investimento de máis de dous millóns de euros a financiar pola Deputación Provincial de Lugo.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “se deu o pistoletazo de saída a unhas obras sumamente importantes para o deporte en sí, para o deporte base, como tamén para evitar unha situación de inseguridade pública que tiñamos co pavillón vello, que ten máis de 40 anos e que está nunha situación de desgaste estructural advertida polos técnicos últimamente. Había que ir á clausura e demolición ou a unha nova construcción, conseguimos unha financiación cento por cento da Deputación, co cual o Concello non terá que poñer nin un só céntimo desta inversión de máis de dous millóns de euros”.

O rexedor explicou que “se vai refacer ese edificio, por dicilo doutro xeito váise facer un novo pavillón máis grande, adaptado á normativa, cun aforo dunhas 500 persoas e non só vai ter unha pista en sí, nesa pista, polas súas dimensións e cunhas lonas que a dividirán, poderán practicarse ata tres deportes á vez, algo que nos ven moi ben para o deporte base. Ao mesmo tempo contará con sala de enfermeiría, con gradas telescópicas e con locais e salas de reunións para asociacións e clubes deportivos, algo que era unha vella demanda de todos estes colectivos”. Suárez Barcia engadiu que “agora que o pleno lle deu luz verde á licitación da obra levaráse adiante durante os vindeiros meses do ano 2011 e á volta de todo este tempo Ribadeo contará cun pavillón de última xeración como ningún outro na Mariña. E o máis importante agora mesmo é que se dará solución a unha serie de entidades deportivas diversas que contarán cunha superficie pública moi importante e así resolveremos un problema de seguridade, dado que o edificio actual estaba nunha situación extrema e era necesario meterlle man, tal e como lle estamos a facer agora”.

Inundacións

Na sesión plenaria o alcalde deu conta “da actuación urxente que ordenei facer hai moi poucos días por unha situación de inseguridade, con posible risco de poder afectar ás persoas e a unha explotación agrícola, debido á situación na que se atopa o Río Grande despois das chuvias de hai uns meses, os danos ocasionados no seu momento non se resolveron por parte dos organismos que teñen a competencia niso, como Augas de Galicia. E por mor das chuvias de hai uns días déuse unha situación de certa perigosidade, os técnicos municipais suxeríronme a adopción de medidas inminentes de cara a preservar a seguridade pública tanto de persoas como das reses dunha explotación. As actuacións serán costeadas polo Concello para evitar males maiores, e de aí que en aplicación da lexislación vixente tiven que dar conta de maneira inmediada ao pleno na xornada de onte”.

O rexedor non quere entrar en polémicas pero subliña que “en todos os problemas ocasionados por estas chuvias que houbo nos últimos meses as diferentes administracións tiveron un comportamento desigual. O Goberno de España, ese co que a algúns estes días se lles enche a boca coas cousas que fan en Ribadeo, pouco fixo ou nada nesa materia, a Deputación fixo ben pouquiño, só durante uns días nos trouxo unhas máquinas para tapar catro baches, a Xunta fixo algo máis, pero insuficiente de aí que tivésemos que adoptar estas medidas. E ao final somos os Concellos os que sempre temos que asumir as responsabilidades que outros non asumen, pero polo menos senon fan que deixen facer”.

Telecentro

E por unanimidade se aprobou no pleno extraordinario de onte o protocolo de adhesión á rede de centros para a modernización  e inclusión tecnolóxica da Xunta (Rede CEMIT). Suárez Barcia lembrou que “o telecentro de Ribadeo é o que máis usuarios ten de Galicia en relación coa súa poboación. No seu momento, hai dous anos, a anterior Xunta tiña dúas persoas sen que ao Concello lle costara un peso, pero as cousas cambiaron e como moito ofrecen unha persoa financiando o 80% e o outro 20% ten que ser costeado polo Concello. É sensiblemente inferior ao anterior, pero é mellor isto que nada e por iso decidimos adherirnos a este protocolo”. O alcalde engadiu que “así poderemos seguir prestando servizo a toda esta xente, sobre todo maior, que nunca se achegou ás novas tecnoloxías, pero que da gusto ver como van con regularidade a este telecentro a disfrutar de todo o que ofrecemos. Queremos continuar dando cursiños, formación, obradoiros para poder seguir facendo labores de alfabetización dixital e que moita xente non quede desapegada deste mundo das novas tecnoloxías da información e da comunicación”.

Exit mobile version