Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG chama a Folga Xeral o 27 de Xaneiro a toda a poboación da Mariña

Nota de prensa:
Xorxe Caldeiro anuncia que a central nacionalista manifestarase por Burela o 27 ás 12:00h

A CIG chama a Folga Xeral o 27 de Xaneiro a toda a poboación da Mariña.

A CIG chama a toda a cidadanía da Mariña a unha convocatoria de folga xeral, que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral en Galiza. A folga comezará ás 0:00 horas do día 27 de xaneiro e rematará ás 24:00 horas. Con esta convocatoria a central pretende dar unha resposta aos ataques contra a clase traballadora promovidos dende o Goberno español, nomeadamente a reforma do sistema público de pensións, que ten como claro obxectivo dificultar o acceso ás mesmas e reducir a contía das pensións futuras.“Estas reformas non están xustificadas e a única maneira de frear estes ataques contra a maioría social é recorrer á folga xeral”. Así o manifestaba o secretario da CIG-A Mariña , Xorxe Caldeiro. Unha folga pola dignidade da clase traballadora galega e baixo o convencemento de que só coa mobilización “poderemos parar este goberno e os interese do capital financeiro a quen defende”.Caldeiro denunciou o uso de mentiras e manipulacións para xustificar as medidas que o goberno está na levar adiante, especialmente escandalosas no caso da reforma do sistema público de pensións, xa que nada ten a ver coa situación de crise. Neste senso, censurou os informes de supostos expertos que vaticinan a quebra do sistema; documentos que, lembrou, se veñen presentando de forma reiterada dende hai anos sen que polo momento acertasen nin unha soa vez nas súas predicións. “Esta é unha reforma que unicamente interesa á banca”, aseverou. “A banca necesita liquidez e necesita crear na opinión pública a idea de que o sistema actual non ten futuro, coa intención de captar o aforro de aqueles traballadores e traballadoras que teñen a suficiente capacidade adquisitiva para pagar un fondo de pensións privado”. Esta dualidade, advertiu, xerará enormes desigualdades entre os propios pensionistas, xa que unha grande maioría non poderá acceder a eses sistemas privados, máis aínda coa política de precarización do mercado laboral que hai posta en marcha. Este colectivo de traballadores e traballadoras só poderá, deste xeito, recibir dunha pensión mínima ao final da súa vida laboral.

Convocatoria da CIG

A este respeito Caldeiro indicou que a central nacionalista realizará unha manifestación o propio día da Folga en Burela, con saída ás 12:00 do local do Sindicato e remate na Praza da Mariña. “Saimos a rúa non só para defender a cohesión social, senón para urxir a Xunta e Goberno do estado a que é necesario unha outra saída a crise que permita primeiramente criar emprego na Comarca e que forze aos dirixentes autonómicos e estatais a situar como prioridade a creación do emprego na Mariña, a defensa dos nosos sectores económicos e a garantía de direitos salariais e laborais para o conxunto da población.

Salvidades durante a xornada de folga

Na convocatoria presentada pola CIG estabelécense algunhas excepcións referidas ás empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo. Nese caso o comezo da folga realizarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas e finalizará unha vez rematada a última quenda, aínda que vaia máis alá das 24:00 horas do 27 de xaneiro. Alén diso, e para garantir a cobertura informativa do paro, nas empresas xornalísticas e medios de comunicación, a folga convocada terá lugar no período comprendido entre as 07:00 horas do día 26 de xaneiro e as 24:00 horas do 27 de xaneiro, correspondendo aos traballadores /as de cada centro de traballo a determinación do horario de folga do período de referencia.

Exit mobile version