Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación premiada en FITUR polo “compromiso cun servizo turístico de alta calidade”

Nota de prensa

A Deputación premiada en FITUR polo “compromiso

cun servizo turístico de alta calidade”

– Besteiro recibiu o galardón da Asociación Española de Normalización e Certificación por converter á Mariña na 3º costa de España co maior número de praias avaladas pola UE

– Este colectivo é o principal responsable no país das certificacións medioambientais con maior prestixio no mundo, é o caso da obtida pola Deputación en 20 praias: ISO 14001

– O Presidente, xunto ó Alcalde lucense e o Conselleiro de Cultura, presenta a Guía Turística…E para comer Lugo 2011 impulsada pola Asociación de Hostaleiros da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este mércores na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se está a celebrar en Madrid un recoñecemento “polo compromiso cun servizo turístico de alta calidade” do organismo provincial, baseado na aposta polo medioambiente, “a nosa oportunidade económica”. A Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) quixo galardoar o traballo levado pola Deputación logo de lograr a certificación medioambiental de 20 praias lucenses, convertendo á Mariña na 3º costa de España co maior número de areais avalados pola Unión Europea, e no referente turístico de calidade do noroeste do país. Gómez Besteiro salientou que “quero trasladar unha mensaxe á cidadanía: hai vida despois do Xacobeo. Por iso, temos que traballar nesta liña para ser capaces de aumentar o número de turistas que visitan a nosa provincia. O ano pasado, malia a crise, logramos que Lugo se convertese xa na provincia galega na que, con case un 17%, máis se incrementou o índice turístico”.

O titular do organismo provincial recolleu unha estatuíña de bronce e unha bandeira de mans de Jaime Fontals, Director de novos produtos de AENOR, a quen o acompañou Martín Pita, Director de AENOR en Galicia. Este colectivo sen ánimo de lucro fundado en 1986, é o principal responsable no país da concesión das certificacións medioambientais con maior prestixio a nivel internacional. É o caso da obtida pola Deputación: ISO 14001. Este distintivo réxese pola normativa medioambiental máis estrita da Unión Europea, a EMAS. É moi superior ós selos máis estendidos e habituais. Por exemplo, mentras a bandeira azul ofrece unha fotografía que se dá nun momento determinado, a ISO 14001 acredita unha mellora constante. Asimesmo, a diferenza da Q de calidade, a certificación da Deputación non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón que tamén atende ás leis e normas dos expertos comunitarios.

Incremento do turismo

Na actualidade, as zonas que rexistran os índices de turismo máis elevados, as de Valencia de Cataluña, concentran a maioría de praias coa ISO 14011. No norte, só a teñen algúns areais de Biscaia e a Coruña. A Deputación logrou implantala nos Concellos que voluntariamente se adheriron ó proxecto do organismo provincial. Estes foron: Burela, Foz, O Vicedo, Viveiro e Ribadeo. Para elo, durante meses, avaliouse dende a calidade da auga, a xestión de residuos, os servizos dos usuarios, e ata a documentación do equipamento do persoal. A maiores, tamén se formou ós responsables ambientais dos municipios, e nomeouse a un coordinador co obxectivo de garantir praias de auténtica calidade durante todo o ano. Como resultado, segundo datos do Instituto de Estatística, en 2010 Lugo foi a provincia galega na que, con case un 17%, máis se incrementou o índice de turistas con respecto ó 2009.

Guía Turística…E para comer Lugo 2011

Gómez Besteiro, xunto ó Alcalde lucense, José López Orozco, o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o Presidente da Asociación de Hostaleiros da provincia, Cheché Real, presentan, ás 15:30 horas, a Guía Turística…E para comer Lugo 2011 impulsada por dito colectivo. Esta publicación fai un percorrido polos 67 Concellos da provincia, destacando a riqueza natural, cultural e gastronómica de cada municipio baixo o subtítulo de 67 paraísos. Ademais, ofrece un directorio dos establecementos hostaleiros lucenses ordenados por Concellos. A labor desta asociación “suma esforzos” co traballo levado a cabo pola Deputación con iniciativas como Rutas pola Provincia Km0.Deputación de Lugo, o 1º libro que promociona a provincia na súa totalidade; a publicación Rutas a Santiago na Provincia de Lugo, a 1º publicación de Galicia que inclúe todos os Camiños que pasan pola provincia; ou a edición exclusiva que se está a elaborar sobre o Camiño do Mar.

Viveiro Máxico…descúbreo

O Presidente, acompañado polo Ministro de Fomento, José Blanco, e López Orozco, participará ademais na distribución de Viveiro Máxico…descúbreo. Bolseiros da Escola de Imaxe e Son e técnicos da Fundación TIC elaboraron este vídeo que promociona o emprazamento deste municipio mariñano, as súas praias, o seu patrimonio etnográfico e cultural, así como a celebración da Semana Santa. Este festexo, que xa foi declarado como Ben de Interés Turístico Nacional, é xunto ó da capital lucense un dos de maior relevancia na provincia debido ó numero de persoas que atrae. Por este motivo, Deputación e Concello de Lugo aproveitaron esta oportunidade para, de forma conxunta, promocionar ó exterior a celebración desta cita relixiosa na provincia no “stand” do municipio lucense.

Exit mobile version