Site icon Crónica3.com A Mariña

A película do domingo

Os domingos son días tranquilos. Habitualmente despois de ir a Nois comer coa miña nai déitome no sofá e poño algunha película e paso o resto da tarde véndoa e comendo de miúdo. Hoxe tocoume “Imagining Argentina”, unha película de Antonio Banderas e Emma Thompson sobre os desaparecidos de Arxentina, as torturas que sufriron, a angustia que padeceron… en definitiva, sobre a realidade, sobre o mundo e as persoas que a conforman. Sobre berros, choros… e silencio, moito silencio.

A miña intención non é comentar a película en cuestión… a miña intención é soltar un par de puñaladas sobre a mesa, e maldicir un intre ao ser humano e as súas historias. A súa capacidade de transformar o poder en dor, aproveitar a súa situación económica e social, e pisotear ao que ten debaixo. Sorrir coa prepotencia que provoca dominar, e apertar as clavixas ata que o sangue brote e os ósos rompan.

Torturadores, violadores, maltratadores, asasinos… fillos de puta en xeral. Diso houbo e segue habendo. Hainos que, aproveitando que son 6 ou 7, léanse a hostias cun inmigrante, un homosexual ou quen pillen por diante; hainos que estrañan os ditaduras de anos pasados; e hainos que seguen armándoa noutros países mentres nesta e outras nacións péchanse os ollos cunha calma canallesca.

Supoño que algún dirá que esas serán cousas pasadas. Que as cousas xa non son así. Que somos demócratas e todas esas cousas tan politicamente correctas. E sentirnos satisfeitos por nacer neste país e nunhas condicións político-sociais bastante aceptables, e esquecelo todo… sen ter en conta que hai que aprender de todo, non esquecer e listo, porque a historia pódese converter nunha roda…

Estremézome de só pensalo.

Otero Regal

Exit mobile version