Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta elimina 34 fundacións e o presidente di que por primeira vez en 30 anos adelgaza a administración

Nota de prensa

FEIJÓO RESALTA QUE A EXTINCIÓN DE 34 FUNDACIÓNS COMARCAIS PERMITE SUPRIMIR UNHA CLARA DUPLICIDADE, AFORRAR 3 MILLÓNS DE EUROS E CUMPRIR CO COMPROMISO DE ADELGAZAMENTO DA ADMINISTRACIÓN

* “Levamos 13 millóns de euros de aforro pola diminución da administración paralela, un 30% máis do que tiñamos previsto cando presentamos este plan”, explica
* Destaca que, “por primeira vez en trinta anos a administración autonómica adelgaza”, o que é “unha boa noticia para todos os que a financian
* O Consello da Xunta modifica o proxecto da PLISÁN para cumprir a sentenza do Tribunal Supremo e proporcionar “seguridade xurídica” a este proxecto “estratéxico para toda Galicia, Pontevedra e as comarcas de Condado Paradanta, Baixo Miño e Vigo”

Santiago, 13 de xaneiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou durante a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que a extinción de 34 fundacións comarcais en execución do Plan de Avaliación de Organismos Dependentes, permite “acadar máis eficacia ao eliminarse unha clara duplicidade –o que estaban a facer as 34 fundacións comarcais o pode facer o AGADER que sigue funcionando na Comunidade Autónoma-; conseguir máis austeridade porque supón un aforro de 3 millóns de euros; e seguir cumprindo o compromiso de adelgazar por primeira vez a administración autonómica de Galicia en trinta anos de historia”.

Así, Núñez Feijóo sinalou que coa extinción destes 34 organismos dos 48 previstos no plan, supérase xa o “obxectivo de aforrar dez millóns”. “Nestes momentos levamos 13 millóns de euros de aforro pola diminución da administración paralela da Xunta de Galicia. Isto implica máis de dous mil millóns das antigas pesetas e un 30% máis do que tiñamos previsto cando presentamos este plan”, explicou.

Nesta liña, o presidente galego destacou que, “por primeira vez en trinta anos a administración autonómica adelgaza”, feito que supón “unha boa noticia para todos os que financian a administración galega”, e que continuará “ata a convocatoria de eleccións”.

“Temos unha folla de ruta que non imos variar. Temos menos conselleiros, menos altos cargos, menos asesores, menos coches oficiais, menos gasto telefónico e menos administración paralela. Este proceso de austeridade non é un proceso acabado; seguiremos pola vía de acreditar que o público tamén pode ser eficiente”, incidiu.

Seguridade xurídica para a PLISÁN

O presidente galego salientou a aprobación por parte do Consello da Xunta da modificación puntual do proxecto da plataforma loxística PLISÁN necesaria para o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo. Neste sentido, Feijóo explicou que dos 4,2 millóns de metros cadrados cos que contaba inicialmente a plataforma se pasará a 3,1, tras excluír os 900.000 metros cadrados de solo non urbanizable de especial protección forestal.

“Solventamos as incertezas que existían arredor da PLISÁN para poder continuar con este proxecto estratéxico para toda Galicia, para a provincia de Pontevedra e para as comarcas de Condado Paradanta, Baixo Miño e Vigo”, resumiu o titular da Xunta, quen asegurou que esta modificación se produciu grazas á Lei de acompañamento dos Orzamentos e despois do aval preceptivo dunha decena de departamentos e de reunións cos responsables dos concellos das Neves e Salvaterra do Miño. “Entendemos que hoxe hai máis seguridade xurídica na PLISÁN para que as empresas poidan ubicarse nela. Seguiremos cos traballos para que a PLISÁN sexa unha realidade canto antes y sexa rendible canto antes”, afondou.

Feijóo destacou que o Goberno da Xunta, ademais de outorgarlle seguridade xurídica a este proxecto, desbloqueou os accesos á plataforma, co investimento de 20 millóns de euros na autovía que enlazará a PLISAN coa A-52. “En definitiva desbloqueamos as conexións e desbloqueamos a continuidade desta plataforma, un proxecto estratéxico de solo industrial nunha comarca deficitaria”, asegurou.

Exit mobile version