Site icon Crónica3.com A Mariña

Comercio ofrece aos traballadores do sector a posibilidade de realizar un curso de frances en Viveiro

Nota de prensa

A DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO OFRECE AOS PROFESIONAIS DO SECTOR UN CURSO GRATUITO DE FRANCÉS NA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE VIVEIRO

* As inscricións poden realizarse por fax ou internet e o prazo para formalizalas remata o vindeiro día 22 de xaneiro

Lugo, 13 de xaneiro de 2011.- A Dirección Xeral de Comercio ofrece aos traballadores do sector a posibilidade de realizar un curso de lingua francesa de nivel básico de xeito gratuíto na Escola Oficial de Idiomas de Viveiro.

A Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Economía e Industria, estima que este curso será especialmente útil dado que permite adaptar o programa formativo para o colectivo específico ao que vai dirixido, facendo fincapé no vocabulario e nas fórmulas de expresión que son máis habituais no sector do comercio.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, indicou que esta iniciativa resulta “de especial interese para os traballadores do sector, pois trátase dunha oportunidade para adquirir unha base que servirá aos comerciantes para prestar unha mellor atención aos turistas estranxeiros que visiten a provincia”.

A delegada destacou que “o comercio ten unha grande incidencia na imaxe que os turistas perciben de nós”. Ao respecto, lembrou o notable incremento de visitantes rexistrado durante o último ano na provincia; “co esforzo de todos estamos a provocar unha dinámica moi positiva, dado que incrementamos por riba do 16% o volume de viaxeiros sobre o ano anterior”, afirmou.

O curso de francés que oferta a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro ten un cómputo total de 60 horas de duración e desenvolverase o próximo mes de febreiro en horario vespertino: martes (de 18.00 a 21.00 horas) e mércores (de 21.00 a 22.30 horas).

Para a celebración deste curso é obrigatorio contar cun mínimo de 10 alumnos matriculados. As matrículas poden realizarse mediante fax ou internet, a través da páxina da Xunta de Galicia, onde as persoas interesadas atoparán tamén un modelo normalizado de solicitude para facilitarlles o labor.

Os traballadores do sector que queiran acceder ao curso poden enviar as inscricións ao enderezo de correo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es, ou ben ao número de fax 981.545.541, ata o vindeiro día 22 de xaneiro. O curso dará comezo este mesmo mes de febreiro, cun tope máximo de 20 participantes.

Exit mobile version