Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo asegura que non hai cartos para a recuperar a ruta do tren mineiro a Pontenova

Foto da web Concellodapontenova.org

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ CONSIDERA MOI IMPORTANTE E ATRACTIVA PARA O TURISMO A RECUPERACIÓN DA ANTIGA RUTA DO TREN MINEIRO ENTRE A PONTENOVA E RIBADEO. O ALCALDE CRITICA QUE, A PESARES DA PRESENTACIÓN REALIZADA HOXE, O PROXECTO NON CONTE CON CONSIGNACIÓN PRESUPOSTARIA.

Ribadeo, 25 de xaneiro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, considera moi importante e atractiva para o turismo a recuperación da antiga ruta do tren mineiro entre A Pontenova e Ribadeo, pero critica que, a pesares da presentación realizada hoxe, o proxecto aínda non conte cun só céntimo de consignación orzamentaria.

O rexedor sinalou que “se trata dunha ruta moi importante, algo ao que xa nos temos referido moitas veces, a esta posibilidade tan grande de poder unir Ribadeo con A Pontenova novamente a través dunha vía verde. Cando sexa, porque agora non vai ser, será das máis importantes de todo o Estado, a capacidade de xente, de turistas de Ribadeo, de A Pontenova ou de Trabada, pero de Ribadeo como lugar de ocio…a xente váille sacar moito partido a esta posibilidade de ir andando ou en bicicleta durante máis de 30 kilómetros sen atoparse cun só coche, terá un mérito moi importante”.

Suárez Barcia manifestou que “despois desta alegría e con este apoio que desde hai anos desde o Concello de Ribadeo  estamos a traballar con Costas codo con codo para poder sacar este proxecto adiante, e ao que se foron unindo concellos como Trabada, San Tirso ou A Pontenova, todo isto é algo para estar contentos”. O alcalde de Ribadeo amosou “a miña estraneza e a miña perplexidade, porque facer un anuncio dun proxecto tan importante coma éste, pero non dicir que hai nada consignado para realizalo chama un pouco a atención, quizáis polo momento en que se fai, por ser prácticamente febreiro e por estar a catro días dunhas eleccións municipais”.

Fernando Suárez engadiu que “digo isto sen ningún tipo de despeito, simplemente atendendo a que o propio Ministerio de Medio Ambiente ten sen licitar a ruta das cetáreas, cando xa no 2010 tiñan unha consignación a través dunha enmenda do BNG de 400.000 euros nos presupostos do Estado deste ano. Pasou o ano, pasou o día e pasou a romería, a obra non se licitou e agora están a presentar outra obra que nin siquera ten un céntimo de consignación orzamentaria. Agardo que iso sexa realidade, si todo vai ben, algún día máis cedo que tarde, pero tal e como están as cousas creo que esta presentación enmárcase máis dentro dunha cuestión preelectoral e propagandista que noutro tipo de medida real de cara a que dentro de pouco os nosos turistas e os nosos veciños poidan disfrutar desta ruta”.

Ao acto de presentación da recuperación da antiga ruta do tren mineiro que tivo lugar en A Pontenova asistiron, entre outros, o director general de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, Pedro Antonio Ríos, acompañado polo presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe. Tamén acudiu o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. O proxecto suporá un investimento de 5 millóns de euros

Exit mobile version