Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG arranca unha campaña contra a reforma das pensións cun reparto de propaganda en Foz

Nota de prensa

Guillerme Vázquez fala o Xoves en Foz sobre a reforma das pensións.

O BNG arranca unha campaña contra a reforma das pensións

cun reparto de propaganda en Foz.

O Bloque Nacionalista Galego iniciou hoxe cun reparto de propaganda no mercado semanal de Foz unha campaña explicativa sobre o que vai significar para os veciños da Comarca a reforma das pensións que pretende levar adiante o Goberno do Estado. Segundo explicaron os nacionalistas “a campaña de información que iniciamos hoxe sobre a modificación do réxime de pensións vai ter continuidade ao longo das próximas semanas, tanto con encontro sectoriais, asembleas informativas con diferentes colectivos como con repartos de propaganda como os realizados hoxe en Foz”. Neste sentido desde o BNG informaron que o vindeiro Xoves 20 de Xaneiro visitará a Comarca o Portavoz Nacional Guillerme Vázquez que participará nun acto publico que se vai celebrar ás 20:30 na casa da Cultura de Foz.

Os nacionalistas indicaron que “a reforma das pensións representan unha perda no poder adquisitivo dos futuros pensionistas de primeira orde, posto que ao aumentar a idade de xubilación e particularmente a base de cotización dos 15 aos 20 ou 25 anos, isto supón uns recortes na pensións que se cifra en función das ratios que ao final se establezan de entre o 8 e o 34%”. O BNG tamén quixo destacar que que son precisamente os menores de 35 anos e os maiores de 65 os que menos diñeiro ingresan, sendo o período entre os 56 e os 65 anos cando os salarios son máis elevados, polo que aumentar a base de calculo da xubilación aos 20 ou 25 anos como pretende o PP e PSOE coa reforma do réxime das pensións significaría unha diminución nas futuras pensións entre o 8 e o 34%.

O Bloque Nacionalista Galego lembrou que ” a día de hoxe, tal como informan os dados do IGE, a poboación xubilada nas tres Mariñas é de 18.843 persoas, sobre un total de 76.603 persoas, o 86% dos cales teñen unha pensión inferior aos 600 Euros. A pesar de que a pensión media de Lugo situase nos 582,82 Euros, a nosa provincia está a cola do Estado, un 47% dos pensionistas da Mariña están por baixo dos 546 euros mensuais, isto é por debaixo da pensión mínima de xubilación”. Na mesma liña os nacionalistas criticaron que “as medidas económicas que está a levar adiante o goberno do Estado van ter consecuencias terroríficas para a Comarca, posto que hai 18.843 persoas a quen o pasado ano e este ano conxeláronselle as pensións, o que significa unha perda de poder adquisitivo, cando no lado de enfronte atopámonos coa suba de toda a fiscalidade indirecta como IVE que grava os produtos básicos ou recentemente das tarifas eléctricas. En definitiva está a aumentar a carestía da vida pero os seus ingresos están conxelados”.

Os nacionalistas afirmaron “que no caso de ir adiante esta reforma do réxime de pensións está en xogo que moitos homes e mulleres da Mariña poidan no seu momento acollerse a unha pensión contributiva polo que é o momento de moverse para paralizar esta agresión contra o conxunto da poboación da Comarca”. “Aquí ninguén fica a marxe” recalcaron desde o Bloque ” xa que a maiores dos asalariados, esta reforma golpea de cheo aos autónomos ou aqueles que cotizan no réxime especial agrario. Hai que parar unha políticas asentadas sobre mentiras, posto que o sistema de pensións non corre ningún risco, o que corre risco é a cohesión social e as coberturas futuras para os traballadores de hoxe, para a totalidade de persoas que conforman a poboación activa e que hoxe se encontran desempregadas e tamén para a nosa mocidade”.

Exit mobile version