Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo condena as pintadas da Casa da Ría e solidarizase co goberno municipal

Nota de prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Ante o covarde acto cometido días atrás na Casa da Ría, o BNG de Ribadeo quere facer pública a súa solidariedade co seu compañeiro e amigo Horacio Cupeiro Rodríguez, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente e con todo o equipo de goberno do Concello de Ribadeo. A nosa organización política loitou na clandestinidade contra a ditadura de Franco, soubemos facer fronte a momentos ben difíciles para a nosa cultura, a nosa economía e as nosas liberdades. Que a algún probe desgraciado se lle pase polo maxín que imos recuar por unhas simples pintadas, que semellan querer aparentar unha falcatruada de tres ou catro mozos, di ben pouco desa persoa.

O BNG de Ribadeo quere mostrar o seu apoio a Horacio Cupeiro Rodríguez, ao seu labor como concelleiro de Medio Ambiente e de Medio Rural, e a todo o equipo de goberno do Concello de Ribadeo para animalos a seguir na senda trazada ao longo desta lexislatura gobernando o noso concello. Está ben claro, tras actos deste tipo, que hai individuos, con escuros intereses, que se poñen nerviosas ao ver que a nosa aceptación medra e se ve referendada polos apoios que imos recibindo ao noso labor de goberno.

Tamén o BNG quere facer un chamamento á súa militancia e simpatizantes en xeral para que se sintan orgullosos e orgullosas de ter como referente unha organización política que sempre puxo por diante os intereses do pobo. Horas e horas de dedicación polo ben común non se van ver desprestixiadas por unha pintada anónima, covarde e miserábel.

Exit mobile version