Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclamará no pleno de Barreiros o arranxo inminente dos camiños de Vilar a Celeiro de Mariñaos

Nota de prensa:

O BNG RECLAMARÁ EN PLENO O ARRANXO INMINENTE DOS CAMIÑOS DE VILAMAR E CELEIRO DE MARIÑAOS, QUE SE ATOPAN NUN ESTADO DESASTROSO DESPOIS DE SEREN EMPREGADOS DURANTE OS DOUS ÚLTIMOS ANOS POLA MAQUINARIA QUE ESTIVO A CONSTRUIR A A-8 ENTRE BARREIROS E LOURENZÁ.
Barreiros, 12 de xaneiro de 2011. O BNG reclamará en pleno o arranxo inminente dos camiños de Vilamar e Celeiro de Mariñaos, que se atopan nun estado desastroso despois de seren empregados durante os dous últimos anos pola maquinaria que estivo a construir a A-8 entre Barreiros e Lourenzá. Os nacionalistas tamén solicitarán que se reúna de novo a comisión de seguimento de ditas obras.
O portavoz do BNG, Antonio Veiga, sinalou que “estando próximo o remate do tramo da A-8 entre Barreiros e Lourenzá, calcúlase a súa apertura para o mes de marzo, os veciños de Vilamar e Celeiro de Mariñaos ven con preocupación como unha vez xa rematada a autovía non se procede a reparar todos os viais destes lugares, que foron usados lóxicamente pola maquinaria que realizaba as obras. Eses camiños atópanse nun estado desastroso e pésimo, a parte dos inconvintes que tiveron que sofrir os veciños durante estes dous últimos anos mentras durou a construcción deste treito e polo tanto piden esa reparación inminente e nas mellores condicións”.
Desde o BNG “ímoslle esixir ao Concello para que cumpra co anuncio feito no seu día polo alcalde dicindo que os viais quedarían en mellor estado que cando comezou a autovía. Iso é o que agardamos todos e por iso levaremos esa proposta ao pleno deste mes de xaneiro co fin de instar ao Concello a que axilice as negociacións coas empresas constructoras da autovía do Cantábrico para que deixen eses viais no mellor estado”.
Veiga Outeiro engadiu que “tamén imos pedir que se reúna a comisión de seguimento das obras da A-8, creada hai dous anos, que curiosamente por parte do PP e do Concello se deixou esmorecer ata deixala sen función ningunha. Queremos que esa comisión se volte a xuntar para analizar cales son os viais perxudicados e danados e para instar ás empresas a cumprir cos seus compromisos de deixar eses camiños en perfecto estado. Cremos que esa é unha das funcións do alcalde, estes días estáas a deixar un pouco de lado e se adica a ser xuiz e a facer xuizos mediáticos na prensa. Ímoslle pedir ao alcalde nesa sesión plenaria que retome as funcións para as que foi elexido, para ser rexedor de Barreiros”.

Exit mobile version