Site icon Crónica3.com A Mariña

O CD Burela FS anuncia o I Encontro do Deporte Base na Mariña para o sábado 22 de xaneiro en Burela

Nota de prensa

BURELA ACOLLERÁ O I ENCONTRO DO DEPORTE BASE NA MARIÑA, COA VISITA DE JOSÉ VENANCIO, O 22 DE XANEIRO

O I Encontro do Deporte Base na Mariña, que contará coa inestimable presenza do seleccionador nacional, José Venancio, baixo a organización do CD Burela FS, terá lugar finalmente o sábado 22 de xaneiro. A cita, prevista para o 4 decembro de 2010, foi aprazada pola folga encuberta de controladores e o peche do espazo aéreo, que impediron o desprazamento do técnico dende o aeroporto madrileño de Barajas.

José Venancio abrirá a xornada cun relatorio centrado na actualidade do fútbol sala e a estrutura dos clubs, programado para as 10.30 horas, no hotel Nordés de Burela. A intervención do seleccionador dará paso a unha charla coloquio con diferentes adestradores/as de primeiro nivel. Ás 11.45 horas, o club laranxa distinguirá a José Venancio co seu galardón máis prezado, a Insignia de Ouro e Brillantes, polo seu loable labor en favor do fútbol sala. Xunto ao alumnado da ED EON Burela FS, o técnico analizará o xogo e a toma de decisións individual e colectiva nunha sesión práctica, no pavillón Vista Alegre, a partir das 12.45 horas.

Xa pola tarde, o seleccionador protagonizará unha sinatura de autógrafos no pavillón e será nomeado Socio de Honra do club mariñán, antes do partido de Prata que medirá o Burela FS co UMA Antequera (17.00 horas). A primeira edición do encontro de base finalizará coa cita de Honra Burela FSF-UCAM Murcia (20.00 horas).

Dúas décadas á fronte dos bancos afianzan a traxectoria de José Venancio (Bilbao, 1964), dende o Europcar Leioa, Bilbo, Castro Urdiales e Caja Segovia ata a Selección de Guatemala, o Autos Lobelle de Santiago e a Selección Española, cargo no que debutou como primeiro adestrador o 20 de outubro de 2007. Unido ao último triunfo do Grand Prix do Brasil, José Venancio pode congratularse de ostentar no seu palmarés máis recente o título de campión de Europa no Porto 2007 e Debrecen 2010, ademais de ser subcampión do Mundo no Brasil 2008.

Ata o momento tan só outra personalidade está en posesión da Insignia de Ouro e Brillantes laranxa, Javier Lozano. O actual presidente da LNFS e ex-seleccionador nacional recibiu a devandita distinción o 6 de xuño de 2009 como recoñecemento á súa contribución neste deporte e na ensinanza de base.

O CD Burela FS xa tivo a oportunidade de deleitarse coa sabedoría de ambos os profesionais no Campus Internacional Mixto, coa visita de Javier Lozano en 2007 e José Venancio en 2009. A afección mariñá tamén puido gozar co xogo da selección española baixo a batuta de Venancio ante Romanía (outubro de 2007) e Uruguai (febreiro de 2008).

Exit mobile version