Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación amosará as orixes de oficios artesanais a 740 rapaces

Nota de prensa

740 rapaces da provincia coñecerán as orixes e técnicas dos oficios artesanais co CENTRAD

– O Centro de Artesanía e Deseño pon en marcha a programación de obradoiros portátiles 2011 en colexios de Parga, Triacastela, Castro de Rei e Vilalba

– A Deputación organiza este ano un total de 74 xornadas sobre instrumentos musicais, fabricación de papel, encadernación, monicreques, cestaría e tapiz

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación puxo en marcha este luns a programación de obradoiros portátiles para 2011 nos colexios da provincia. Concretamente, as primeiras xornadas iniciáronse en: CEIP de Parga (Guitiriz), Eduardo Cela (Tricastela), Ramón Falcón (Castro de Rei), e no Monseivane (Vilalba). En total, este ano o CENTRAD organiza 74 cursos sobre a elaboración de instrumentos musicais, fabricación de papel, cestaría, encadernación, monicreques, e tapiz, nos que participarán 740 rapaces.

A Deputación enviou a todos os centros de ensinanza da provincia unha invitación para participar de forma gratuíta neste programa co obxectivo de que os nenos coñezan as orixes e técnicas dos oficios tradicionais galegos. Os únicos requisitos para sumarse á iniciativa son: que os artesáns estén acompañados polo persoal do colexio durante as clases, e que o número de participantes de cada curso non supere os dez.

A día de hoxe, e mentres seguen a presentarse solicitudes, xa formularon a súa inscrición centros públicos, privados e concertados de Lugo, Castroverde, Monterroso, Outeiro de Rei, Mosteiro, Cospeito, Rábade, Burela, Cervo, Foz, Viveiro, Xove, Abadín, Castro de Rei, Guitiriz, Parga, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Monforte, Quiroga, Ribas do Sil, O Saviñao, Baralla, Navia de Suarna, Sarria e Triacastela.

Novo obradoiro: “Modelado de arxila”

Por outra banda, a programación oficial de cursos do CENTRAD para 2011 dirixida ó público en xeral, continúa hoxe co inicio dun novo obradoiro: “Modelado de arxila”. 8 persoas cobren a cota de prazas dispoñibles. A actividade desenvolverase de maneira continuada ata o 11 de febreiro, de luns a venres, en horario de 17:00 a 21:00 horas. A maiores, celebrarase unha xornada o 18 deste mesmo mes, de 16:00 a 21:00 horas.

O artesán Pablo Mazoy ensinará ós participantes, durante as 45 horas de duración do obradoiro, aspectos técnicos e teóricos como: a variedade de arxilas e pastas, as ferramentas e o seu manexo, así como as técnicas de modelado, macizo, belisco e baleirado. Deste xeito, os participantes fabricarán pezas segundo as distintas técnicas aprendidas.

www.centrad.org

O Centro de Artesanía e Deseño oferta este ano un total de 74 obradoiros sobre cestaría, xoiería, cerámica, coiro, téxtil, artes do libro, packaging, -técnicas de empaquetado e presentación de produtos-, fotografía, vidro, e pedra. A programación oficial pode consultarse na páxina web www.centrad.org. Ademais, neste mesmo espazo tamén se pode realizar a inscrición. Este trámite é posible grazas o Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación que implantará a Administración Electrónica en Lugo este verán a un nivel moi superior que en calquera outra provincia galega.

Exit mobile version