Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo e a operadora R asinan un convenio para poñer a rede de fibra óptica

Nota de prensa:
O CONCELLO DE CERVO E A OPERADORA DE TELECOMUNICACIÓNS R FIRMARÁN UN CONVENIO PARA DESPREGAR A REDE DE FIBRA ÓPTICA NO MUNICIPIO

* As obras poderían comezar no vindeiro mes de febreiro

* A operadora poda facer uso das canalizacións de titularidade municipal xa existentes para despregar a súa rede e a cambio R se compromete a compartir co Concello o uso das novas canalizacións e tendidos que deberá facer para poder dar servizo ás principais poboacións do municipio

* Nos acordos acadados polo Concello a empresa de telecomunicacións comprometese a instalar o cableado baixo terra nos núcleos urbanos e, a maiores, asfaltará na súa totalidade algunhas das rúas polas que discorra a súa rede

Cervo, 19 de xaneiro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo este mediodía unha reunión con responsables da operadora galega de telecomunicacións R na Casa do Concello para pechar as condicións do convenio marco que firmarán en breve e no que se establecerán as condicións para o despregamento da rede de fibra óptica no nos municipio.

Inicio das obras en febreiro

Segundo indicou o rexedor as obras de canalización da nova infraestrutura de telecomunicacións poderían estar en marcha no vindeiro mes de febreiro. Villares adiantou que o acordo con R establece, entre outras cláusulas, a posibilidade de que a operadora poda facer uso das canalizacións de titularidade municipal xa existentes para despregar a súa rede. A cambio, R comprometese a compartir co Concello o uso das novas canalizacións e tendidos que teña que facer para dar o servizo nas principais poboacións do municipio. “Ademais, dende o Concello esixímoslles que no convenio se recollera que a fibra óptica fora soterrada nos núcleos urbanos e que, ademais de comprometerse a restituír o aglomerado das vías por onde vaian estas liñas, tamén se fagan cargo do asfaltado da totalidade dalgunhas das rúas polas que despreguen a súa rede” dixo Villares.

Telecomunicacións de calidade: algo de vital importancia na actualidade

O alcalde cualificou este acordo entre R e o Concello como unha noticia “importantisima” para o conxunto de veciños e veciñas deste municipio e recalcou que a próxima firma deste convenio materializará as múltiples xestións que leva facendo durante os últimos meses o equipo de Goberno local para conseguir que os cervenses podan dispoñer no menor prazo de tempo posible deste servizo. “Poder contar cunhas telecomunicacións de calidade é algo vital para este Concello, sobre todo nos tempos nos que estamos. Por iso, dende o Goberno municipal estamos convencidos de que a posibilidade de dispor deste servizo nos vindeiros meses é algo que vai redundar en beneficio de todos”.

Exit mobile version