Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo propón música, teatro para adultos, exposicións e cine para o primeiro trimestre

Nota de prensa
MÚSICA, TEATRO PARA ADULTOS, EXPOSICIÓNS E CINE SON ALGUNHAS DAS PROPOSTAS DA AXENDA CULTURAL DO CONCELLO DE RIBADEO PARA ESTE PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2011. MAÑÁ SEGUIRÁ O CICLO MÁIS PRETO DE TI EN SANTALLA DE VILAUSENDE.

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2011. Música, teatro para adultos, exposicións e cine son algunhas das propostas da axenda cultural do Concello de Ribadeo para este primeiro trimestre de 2011, segundo daba a coñecer a concelleira Mariluz Álvarez Lastra.

A edil nacionalista sinalou que “a nosa axenda habitual manténse segundo o que viñamos facendo últimamente e teremos actividades para todo o público, adultos, xóvenes e nenos, tanto na vila como nas parroquias. A axenda comeza este venres 28 de xaneiro co ciclo Máis preto de ti proxectando na escola de Santalla de Vilaosende a partires das 21:30 horas a película rodada en Rinlo Os mortos van á présa. Pouco a pouco imos levando este filme a todas as parroquias do concello”. Álvarez Lastra explicou que “o ciclo Máis preto de ti chegará tamén a Ove, a mediados do mes de febreiro, vai actuar o grupo de boleros  Canere Son de Burela,  que está acadando moita aceptación alí onde actúa. E para acabar a presenza  da Área de Cultura nas parroquias este trimestre, o grupo de teatro afeccionado de Vilaronte Axóuxeres vai estrear a súa nova montaxe en Rinlo a finais de marzo”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “no ámbito da música as actividades dará comezo este sábado, e patrocinado pola Dirección Xeral de Política Lingüística, temos unha actividade dirixida aos máis novos. Ás seis da tarde no Cine Teatro vai haber un obradoiro de hip hop con rapaces e rapazas e unha hora máis tarde o concerto co grupo Azou. Os que queiran participar no taller deben anotarse chamando ao departamento de Cultura do Concello. Ademáis conectando coa participación de grupos de Ribadeo no Certame Música Xove da Deputación de Lugo a finais do trimestre teremos un dos concertos clasificatorios. E a música coral vai ter presenza cun concerto que recolle  composicións de autores lucenses. Todas estas actividades musicais se completarán coas que realizan a Escola Municipal de Música, a Banda Sinfónica Municipal e a Coral Polifónica de Ribadeo”.

Durante este primeiro trismestre de 2011 continuará tamén as actividades destinadas aos máis pequenos, “seguirán as Letras vivas, un programa de animación á lectura que leva espectáculos de pequeno formato á nosa biblioteca municipal. Un dos contadores que máis éxito tivo, Pablísimo, abre a programación deste ano. Os nenos e nenas de Ribadeo, en domingo, van poder ver o teatro dos Ghazafellos coa súa montaxe Frankestein”.

Álvarez Lastra dixo que “quizáis o prato forte desta programación trimestral sexa o teatro para adultos con dúas citas importantes. O vindeiro 6 de febreiro ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval a compañía Espello Cóncavo traerá a Ribadeo a obra Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal. E Cándido Pazó, que celebra o 50 aniversario da publicación do libro de Neira Vilas con Memorias das memorias dun neno labrego, estará en Ribadeo no mes de marzo. E remataremos cunha exposición de fotografía na OMIC, a foto social de Javier Bauluz estará na primeira quincena de marzo nunha mostra que patrocina a obra social de Cajastur”.

A concelleira de Cultura engadiu que “esta programa que hoxe presentamos coincidirá coas datas de celebración do antroido e polo tanto, en colaboración cos organizadores, imos dar difusión e publicidade a todas as actividades que se levarán adiante. Lembrar que as persoas que desexen información sobre a nosa axenda poden dirixirse ao departamento de Cultura, ubicado na rúa Viejo Pancho, ou á páxina web do Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version