Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela pide que a Xunta acometa obras pendentes das riadas do 2010 e o acceso ao porto

Nota de prensa

O CONCELLO DEMANDARÁ  DA XUNTA A REALIZACIÓN DAS OBRAS DE EMERXENCIA EN VARIOS CAMIÑOS, PENDENTES DE ACOMETER DESDE AS RIADAS DE XUÑO DE 2010 E A URXENTE REANUDACIÓN DAS OBRAS DE ACCESO AO PORTO DE BURELA.

Burela, 20 de xaneiro de 2011. O Concello demandará da Xunta no vindeiro pleno ordinario a realización das obras de emerxencia en varios camiños, pendentes desde as riadas do pasado mes de xuño e a urxente reanudación das obras de acceso ao porto de Burela, segundo adiantou hoxe o alcalde.

Alfredo Llano contou que “entre os puntos que abordaremos nesa sesión figuran a solicitude á Xunta do inicio con carácter urxente das obras de emerxencia para a reparación dos danos causados polas chuvias de xuño de 2010, xa que aínda hai unha serie de traballos que é preciso realizar canto antes, a Xunta quedou en facelas hai tempo e seguimos esperando”. Trátase do camiño do Circuito, camiño da Pena da Guía, camiño Real-Cemiterio; camiño Escolleira-Pasadiñas-punto limpo, camiño do Monte Castelo, camiño do punto limpo e A Escolleira-Camiño da Figueiroa.

O rexedor explicou que “tamén solicitaremos a reanudación urxente das obras de acceso ao porto de Burela. A empresa que estaba aí foi retirada do proxecto e iso pode dar lugar a que se retrase no tempo esa obra tan necesaria para Burela e tan importante…sería unha vía de comunicación inmediata cara o porto tanto de entrada como de saída de camións e usuarios de todo tipo de vehículos. No seu conxunto beneficiría moitísimo ao tráfico de Burela e sería unha saída natural idónea”. Llano insistiu en que “se trata dunha obra moi demandada polos usuarios do porto e polos veciños de Burela, porque nos podería levar a unha remodelación do tráfico na nosa vila. Agora mesmo só temos unha saída e entrada ao porto, onde existe unha fluidez enorme de camións, trátase da Avenida do Berbés e si por algunha circunstancia queda cortada non hai unha saída natural para o tráfico rodado. É una obra prioritaria e haina que facer xa urxentemente, iso sería darlle importancia ao porto, ao pobo de Burela e á súa xente”.

Cine de medio ambiente

Mañá venres ás 20:30 horas na Casa da Cultura terá lugar a proxección da película Solo un agua, dentro do ciclo de cine de medio ambiente, que organizou o Concello co Fimac. O rexedor manifestou que “é un filme que abordará a xestión da auga a nivel mundial, trátase de algo esencial para a existencia e moi valioso, si a consumimos sen control teremos un problema no futuro, pero aínda pode ter solución si se atalla a tempo. É unha película que nos fará reflexionar”. Llano destacou “o interese que están a despertar estas proxeccións, a semana pasada houbo bastante xente e agardamos que a de mañá tamén suscite curiosidade e expectación entre os veciños aos que convido a disfrutar deste ciclo de cine”.

Exit mobile version