Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia asegura que ten case rematas as obras dos danos do temporal Becky

Nota de prensa:
O ente público investiu máis de 400.000 euros en contrarrestar os efectos da choiva e o vento sobre a costas de Lugo e A Coruña
Portos de Galicia ten rematadas a práctica totalidade das obras de reposición dos danos do temporal Becky, dous meses despois do incidente

Santiago, 17 de xaneiro de 2011.- Dous meses despois de que o temporal Becky azotara fortemente o norte da comunidade, Portos de Galicia ten rematadas a práctica totalidade das obras de emerxencia proxectadas de xeito inmediato para facer fronte aos efectos das fortes choivas e o vento nas costas das provincias de Lugo e A Coruña.

O ente público investiu máis de 400.000 euros en neutralizar os danos de maior urxencia e magnitude, que se atopan xa subsanados. A intervención inmediata dos técnicos de Portos de Galicia nas zonas afectadas permitiron que as actuacións de reposición se executasen na maior brevidade e de xeito eficaz. A inmediatez resultou fundamental tamén para poder garantir o correcto funcionamento das estruturas evitando danos maiores ou riscos para as persoas, e permitindo, do mesmo xeito, a pronta normalización da actividade portuaria e dos usuarios dos diferentes portos.

Na provincia de Lugo investíronse por riba de 215.000 euros nunha ducia de actuacións urxentes para a zona da Mariña. Cabe destacar, entre elas, as dirixidas ao porto de Cariño, onde se destinaron máis de 180.000 euros para a reposición do espaldón, a escolleira e o aglomerado asfáltico. Asimesmo, investíronse case 25.000 euros para os elementos deteriorados nos pantaláns de Mugardos, Vicedo e Ribadeo; e máis de 50.000 euros para a retirada de escombros, reposición de muretes, escolleiras, varandas e pavimentos nos portos de Cariño, Bares Espasante e Vicedo. Do global das obras proxectadas só resta ultimar os traballos no porto de Bares, que culminarán nos próximos días, e os de Corme, que estarán rematados a finais do próximo mes.

En canto á provincia da Coruña, destinouse unha partida que supera os 80.000 euros para neutralizar os danos do Becky nun total de doce portos: Suevos, Caión, Malpica, Barizo, Corme, Laxe, Arou, Camariñas, Camelle, Santa Mariña, Muros e Sada. Entre as obras de maior contía cómpre sinalar as executadas nas instalacións portuarias de Camelle, nas que se reparou o pavimento, a rede eléctrica e as varandas, cunha achega de 32.800 euros. Asimesmo cabe sinalar os investimentos no porto de Suevos, onde se repararon os danos en infraestruturas básicas e dotacións; ou as realizadas en Malpica para a reparación do desprendemento de gasóleo no peirao e o reforzo dos bloques de defensa.

Exit mobile version