Site icon Crónica3.com A Mariña

SOGAMA edita un libro con receitas de cociña a partir de restos de alimentos

Nota de prensa:
SOGAMA INVITA A “REPAÑAR O PRATO” CON ORIXINAIS RECEITAS DE COCIÑA A PARTIR DE RESTOS DE ALIMENTOS

* A Sociedade acaba de editar unha publicación na que se recollen máis de 40 deliciosos pratos (entrantes, pescados, carnes e sobremesas) elaborados con sobras de comidas, incluíndo consellos e trucos de cociña, así como unha serie de directrices sobre consumo responsable e boas prácticas ambientais.

* Para a confección deste recetario, contou coa colaboración do equipo de profesionais da Escola de Hostalaría “Belarmino Fernández Iglesias”, de Sober (Lugo), autora dos diferentes menús.

* O libro presentouse oficialmente esta mañá, na sede da Escola de Hostalaría, contando coa presenza do presidente da Fundación, o propio Belarmino Fernández, a Delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e o presidente de Sogama, Luis Lamas.

* Tendo en conta que a materia orgánica representa o 50 por cento da composición total do lixo, esta iniciativa enmárcase no novo Plan Galego de Residuos Urbanos 2010-2020, que contempla a redución do 10 por cento dos residuos xerados, incrementando as cotas de reciclado e recuperación, e contribuíndo ao mesmo tempo ao aforro na cesta da compra.

Sober, a 28 de xaneiro de 2011. – Sogama, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, acaba de editar un libro de receitas a partir de sobras de comida co que pretende promover a redución de residuos, chamando a atención acerca das grandes cantidades de alimentos que desperdiciamos día a día por falta de planificación e un mal aproveitamento de estes, circunstancia que, ademais de incrementar os desperdicios xerados, afecta notablemente ao noso peto.

Para elaborar esta orixinal publicación, que leva por nome “Para repañar o prato!”, contouse coa participación e asesoramento do equipo de profesionais da Escola de Hostalaría “Belarmino Fernández Iglesias” de Sober, na provincia de Lugo, os cales, en colaboración cos seus alumnos, son os autores de máis de 40 receitas deseñadas exclusivamente para este fin.

A publicación está formada por suculentos entrantes, que van dende a ensalada de polbo con tomates secos ata as fabas con ameixas e os ñoquis de pataca con tenreira. No apartado de peixes, as hamburguesas e albóndegas de peixe con patacas e arroz pilaw respectivamente, constitúen, entre outras, algunhas das alternativas a ter en conta, e para os amantes das carnes, as opcións poden ir dende o pastel mousaka ata a tenreira Strogonoff, cordón blue de redondo asado ou polo villaroy con tallaríns de calabaza. Os golosos contan cunha grande variedade de sobremesas tales como xeado frito con froitos secos e sopa de iogur, plátano estufado e pudin de bollería.

A presentación desta iniciativa tivo lugar no día de hoxe, na sede da Escola de Hostalaría, contando coa presenza do director da Escola de Hostalería, Manuel Viéitez, a Delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e o presidente de Sogama, Luis Lamas.

Lamas explicou que a hostalería é un dos sectores que xera maior volume de residuos, polo que o principal obxectivo desta iniciativa é lograr reducilos mediante a aplicación de boas prácticas que se poden trasladar ao ámbito doméstico, xa que “os consumidores tamén temos responsabilidades neste ámbito”, afirmou.

Raquel Arias fixo fincapé en que a medida “resulta moi interesante dende o punto de vista didáctico”, xa que os nenos e nenas poden aprende dos seus pais “actitudes respectuosas co medio ambiente” e que “o noso comportamento diario, como cidadáns e consumidores, inflúe directamente sobre o noso entorno”.

Pola súa banda, o director da Escola de Hostalería subliñou que os autores do libro procuraron recoller “receitas da cociña tradicional de sempre, pero introducindo algunhas innovacións”.

O receitario terá unha ampla distribución polos canles convencionais, pero ademais será incorporada en formato dixital na páxina web de Sogama e difundida a través das redes sociais.

O PLAN DE XESTIÓN DE RU DE GALICIA 2010-2020, MARCO DE REFERENCIA

Dado que cada galego produce da orde de 1,2 quilos diarios de lixo, formado en case un 50 por cento por restos orgánicos, esta iniciativa enmárcase no novo Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, cuxos obxectivos se centran, durante a primeira fase, na estabilización da produción de residuos, logrando finalmente unha redución do 10 por cento, ao tempo que pretende incrementar a reutilización e reciclaxe ata un 30 por cento, diminuíndo o lixo que vai parar a vertedoiros ata lograr que, en 2015, o cen por cento xerado en Galicia se trate correctamente.

TRUCOS, CONSELLOS E CONSUMO RESPONSABLE

O recietario inclúe tamén unha grande variedade de trucos para a mellor conservación dos alimentos (como organizalos para que duren máis, como manter en bo estado determinados produtos, utilidades das distintas especias, como evitar o olor de certas verduras ao ser cocidas, como facer que a carne preparada ao forno quede máis substanciosa, como pelar os ovos con facilidade e evitar as bágoas mentres picamos cebolas, etc) e consellos sobre boas prácticas ambientais na cociña, xestos cos que, ademais de protexer o noso contorno, nos permiten aforrar na cesta da compra.

O libro conclúe cunha serie de recomendacións e directrices para un consumo responsable, insistindo en hábitos tales como facer unha lista previa do que realmente se necesite, intentar adquirir produtos que veñan o menos envasados e embalados posible, utilizar o carriño ou unha bolsa de tea ou lona para ir a mercar, rexeitar as bolsas plásticas de usar e tirar, priorizar os artigos reutilizables, evitar os consumibles tales como froitas, carnes e verduras envasados en bandexas de plástico, priorizar as compras a granel, optar por envases familiares, grandes e retornables, tendo en conta que o vidro constitúe unha magnífica alternativa (cen por cen reciclable), avaliar a calidade e durabilidade dos artigos, así como os residuos que xeran as diferentes formas de comercialización dos mesmos e, por suposto, ter en conta a data de caducidade.

Realizada a compra e consumidos os produtos, quedaríanos aínda unha importante tarefa pendente: a axeitada selección dos residuos, depositando cada tipoloxía no colector correspondente. Só así garantiremos o seu posterior reciclado e, por conseguinte, o aforro de enerxía e de materias primas, contribuíndo á preservación do medio ambiente.

Exit mobile version