Site icon Crónica3.com A Mariña

Un grupo de palilleiras de Burela visitaron a Ribeira Sacra co programa KmO da Deputación

Nota de prensa

Km0.Deputación de Lugo estrea o ano 2011 con preto de 250 participantes

– A terceira tempada do programa rematará en xuño, polo que dende xaneiro ata este mes unhas 8.000 persoas redescubrirán a provincia con este programa

– A Deputada de Economía recibe a un grupo de palilleiras de Burela e a outro de veciños de Lugo, quenes visitaron a Ribeira Sacra e o Concello de Ribadeo, respectivamente

Km0.Deputación de Lugo estrea este martes o ano 2011 con preto de 250 participantes. Precisamente, a Deputada de Economía, Regina Polín, recibiu este martes a un grupo da Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras de Burela e a outro da Asociación de Veciños de Santiago de Saa “A Raña” (Lugo), dentro desta iniciativa coa que o organismo provincial contribúe a manter uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos en diferentes sectores económicos. A terceira tempada do programa, que se iniciou no mes de setembro, rematará en xuño, polo que dende xaneiro ata ese mes unhas 8.000 persoas redescubrirán a provincia con Km0.

No primeiro caso, fixeron a ruta “Adegas e Miradoiros” que transcurre pola Ribeira Sacra. Concretamente, logo de seren recibidos no Pazo de San Marcos e de visitar o Centro de Interpretación Terras do Miño,  no sur da provincia coñeceron a cerámica de Gundivós e o mirador de Cadeiras. Os veciños de Lugo percorreron a oleiría de Bonxe e logo desprazáronse ata Ribadeo, onde visitaron o Centro de Cultivos Mariños, o casco histórico e o mosteiro das Clarisas. Tamén fixeron unha travesía marítima pola ría.

O mércores, os destinos elexidos polos participantes serán Taboada e Cervo. Deste xeito, un grupo de solicitantes individuais vistarán Marcelle, ademais dos conxuntos monumentais taboadenses dos Freires e de San Pedro de Bembibre, así como o Pazo de Negueira de Cecillán. Pola súa banda, un grupo da Asociación de Veciños “Laxe Branca” do Corgo, no municipio mariñano, percorrerán o paseo ata os eucaliptos de Chavín e visitarán o convento de Valdeflores e a cerámica Regal. Completarán o itinerario cunha visita á oleiría de Bonxe.

Finalmente, o xoves, membros da Asociación de Veciños de San Salvador de Vilarmide (A Pontenova) redescubrirán os canóns do Sil co programa da Deputación. Visitarán os muíños de Xábrega, en Arxemil, e farán un percorrido en catamarán dende Chancís. Tamén coñecerán a oleiría de Bonxe. Ese mesmo día, un grupo do Centro de Maiores Caixa Galicia (Lugo) percorrerán o Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazaranse ata o sur da provincia, onde coñecerán a igrexa e a praia da Cova, a adega Vía Romana e o mirador do Cabo do Mundo.

Exit mobile version