Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro e O Vicedo benefícianse da ampliación das rutas do transporte escolar compartido

Nota de prensa

MEDIO AMBIENTE E EDUCACIÓN AMPLÍAN EN 72 RUTAS DO PROGRAMA DE TRANSPORTE ESCOLAR COMPARTIDO (TES + BUS)

* Con estas novas incorporacións na actualidade existen máis de 500 rutas en funcionamento
* Un total de 136 concellos se benefician desta iniciativa de mobilidade

Santiago, 8 de xaneiro de 2011.- As consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Educación e Ordenación Universitaria poñen en funcionamento 72 novas rutas de TES + BUS a partir do vindeiro luns 10 de xaneiro.

Estas novas rutas distribúense entre 26 concellos das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, dos que 19 son de nova incorporación, mentres que no caso doutros sete se trata dunha ampliación das rutas que xa estaban establecidas.

Na provincia da Coruña incorpóranse ao programa os concellos de Ares, Curtis, Santiso e Trazo. Na provincia de Lugo incorpóranse os concellos da Pontenova, As Nogais, Viveiro e O Vicedo.

No caso de Ourense, incorpóranse a esta iniciativa os concellos de Cartelle, Castrelo do Val, A Gudiña, Ourense, Padrenda, Rairiz de Veiga, Riós, Rubiá e Vilar de Barrio. Nesta provincia amplíanse ademais as rutas dos concellos do Bolo, Oímbra, A Veiga, Verín e Xinzo de Limia, que xa estaban incluídos no programa. Por último, na provincia de Pontevedra incorpóranse Cerdedo e Pontecaldelas, ademais de Arbo e O Covelo, que amplían as súas rutas.

Con esta nova ampliación, o programa de Transporte Escolar Compartido contará con 586 rutas en toda Galicia e xa son 136 os concellos beneficiados por este servizo.

A favorable acollida que dende a súa posta en funcionamento está tendo este programa, deseñado para ofrecer unha posibilidade de mobilidade a zonas onde os recursos de transporte público son escasos, é o principal motivo polo cal de xeito paulatino se teñen ampliado o número de rutas do mesmo, ampliación que continuará no futuro.

A modo de exemplo, cómpre indicar que no curso escolar 2009-2010 este servizo contou con máis de 25.000 usuarios, o que supón un incremento superior ao 25% con respecto ao curso 2008-2009. A información relativa a este servizo, así como as rutas incluídas poderá consultarse a través da páxina web da Xunta de Galicia, no enderezo www.cmati.xunta.es.

Exit mobile version