Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación de Desenvolvemento da Mariña aprobou 1,2 millóns de euros para proxectos na comarca

Nota de prensa:
Mondoñedo, 21 de febreiro de 2011

A XUNTA DIRECTIVA DO GDR VÉN DE APROBAR MÁIS DE 1.200.000 EUROS EN AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS PRODUTIVOS NA COMARCA.

Os proxectos aos que se lles deu luz verde na xuntanza suporán unha inversión de máis de 3 millóns seiscentos mil euros.

O pasado venres a Xunta Directiva do GDR reuniuse para dar luz verde a uns dez proxectos que suporán un importante incentivo económico e de creación de emprego para a comarca de A Mariña.

Entre estes proxectos podemos atopar desde a ampliación de empresas de tratamento de residuos metálicos ou de distribución de produtos alimentarios ata a creación de novas empresas como unha escola infantil en Ribadeo ou un centro de día en Trabada. Tamén se aprobou a adquisición dunha máquina clasificadora de fabas por parte da Cooperativa Os Irmandiños, co cal se pretende a transformación e comercialización dun produto tan propio da zona como é a faba.

A realización destes proxectos suporán unha inversión na zona de máis de 3 millóns seiscentos mil euros e a creación de 19 novos postos de traballo, dos cales máis da metade estarán ocupados por mulleres e menores de 35 anos.

PARTICIPACIÓN EN PROXECTOS DE COOPERACIÓN GALEGOS E ESTATAIS.

Nesa reunión da Xunta Directiva tamén se acordou a participación do GDR en varios proxectos de cooperación con outros grupos galegos e estatais. Os proxectos estatais teñen como obxectivo a posta en valor e a comercialización de produtos agroalimentarios, respondendo así á estratexia marcada polo grupo no momento da súa constitución. A nivel galego, os proxectos serán de comercialización de produtos agroalimentarios, de recuperación de variedades tradicionais, de posta en valor do coñecemento tradicional das mulleres galegas sobre menciña tradicional e de promoción e fomento do territorio. Estes proxectos presentaranse ás convocatorias que saquen as administracións estatal e galega que se prevé que publiquen en datas próximas.

Exit mobile version