Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta reitera que a permuta de coidadoras en centros da Mariña obedece a decisións técnicas

Nota de prensa:
A DELEGADA TERRITORIAL REITERA QUE A PERMUTA DE DÚAS COIDADORAS EN CENTROS DA MARIÑA OBEDECE A UNHA DECISIÓN TÉCNICA FUNDAMENTADA NAS NECESIDADES EDUCATIVAS DOS NENOS

* A coidadora que se vai encargar da atención do alumno do IES San Rosendo é a mesma que o atendeu durante sete cursos mentres este estivo matriculado no CEIP Xoán Rei de Lourenzá
* Ademáis, no departamento territorial foron presentados sendos escritos por parte das familias con queixas e solicitando cambios de profesionais neste servizo

Lugo, 24 de febreiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, reiterou hoxe que a medida adoptada por parte de Educación de permutar nos seus postos a dúas coidadoras que prestaban servizo no IES San Rosendo de Mondoñedo e o CEIP Xoán Rei de Lourenzá obedeceu “estrictamente a unha decisión técnica, que foi fundamentada en base ás necesidades educativas dos nenos”.

Arias indicou que na decisión tomada por Educación consideráronse criterios técnicos. Como cuestión relevante, tívose en conta ademais que a coidadora que se vai encargar da atención do alumno do IES San Rosendo é a mesma que o atendeu durante sete cursos mentres este estivo matriculado no CEIP Xoán Rei de Lourenzá, sen que se rexistrara queixa nin problema algún.

Así mesmo, con relación a este tema, a Xefatura Territorial de Educación recibiu en novembro de 2010 a solicitude de cambio de coidadora dun alumno do IES San Rosendo, de Mondoñedo, e por outro, en decembro do 2010, a nai doutra alumna escolarizada no CEIP Xoán Rei, de Lourenzá, remitiu escritos de queixa ao director do centro e ao xefe territorial de Educación acerca da coidadora asignada á nena.

Por outra banda, convén lembrar que o traballo deste tipo de persoal é itinerante, dependendo do número e das circunstancias dos nenos e nenas con necesidades educativas especiais matriculados nos centros educativos. O CEIP Xoán Rei é un centro adscrito ao IES San Rosendo de Mondoñedo para cursar estudos de secundaria. Isto é, ambos forman parte da mesma zona educativa.

Ademáis, convén aclarar que non se poñen en dúbida as competencias profesionais nin os dereitos laborais das traballadoras implicadas, senón que se tomou esta decisión para mellorar a atención das necesidades específicas dos alumnos.

Exit mobile version