Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aportará 40 mil euros “para facer da Semana Santa de Viveiro a máis grande de Galicia”

Nota de prensa

Besteiro anuncia unha axuda extraordinaria de 40.000€ “para facer da Semana Santa de Viveiro a máis grande de Galicia”

– Este investimento responde á petición do Alcalde para impulsar unha celebración coa que Viveiro duplica a súa poboación e acada o 100% da ocupación hoteleira

– Esta achega sen precedente no organismo provincial, supón preto do 25% do presuposto total co que contan as confrarías para a celebración desta festividade

– Deputación e Concello suman esforzos para lograr a declaración de Interese Internacional que persegue o municipio. O equipo de Goberno provincial levará esta proposta ó vindeiro Pleno Provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, mantiveron este martes unha reunión cos membros da Xunta de Confrarías de dito municipio para establecer novas vías de financiamento de cara á celebración da Semana Santa. Trátase dunha festividade declarada de Interese Turístico Nacional, que reúne unhas 30.000 persoas, duplicando a poboación no municipio viveirense, e logrando o 100% da ocupación hoteleira. Gómez Besteiro destacou a importancia deste acontecemento para economía de Viveiro e da provincia en xeral, e adiantou unha axuda extraordinaria de 40.000 euros para “facer da Semana Santa de Viveiro a máis grande de Galicia. Deste xeito, a Deputación aporta preto do 25% do presuposto total co que contarán as confrarías para a celebración desta festividade”.

Este investimento sen precedente no organismo provincial responde á petición do Alcalde para lograr a declaración de Interese Internacional da que xa é, xunto coa de Ferrol, a Semana Santa máis destacada e referente en Galicia. Neste senso, Besteiro adiantou que o equipo de Goberno levará ó vindeiro Pleno unha proposta para lograr o apoio de todos os grupos políticos a este respecto. Da mesma forma, avanzou que o vindeiro 8 de abril, o Pazo de San Marcos será o escenario da presentación oficial da Semana Santa viveirense. Deste xeito, Deputación e Concello seguen sumando esforzos ó igual que fixeron na celebración da Feira Internacional de Turismo –FITUR- onde expuxeron un vídeo promocional da celebración deste acontecemento na localidade viveirense elaborado pola Fundación TIC, organismo dependente da institución provincial.

Nos últimos anos, Melchor Roel logrou potenciar esta festividade traballando conxuntamente coas confrarías. Deste xeito, unificou o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -preto do 20% da poboación total de Viveiro-, mediante o impulso á Xunta de Confrarías. Este colectivo representa as 8 confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”; “Del Rosario”, “Santísimo Cristo de la Piedad”; “Hermandad de Prendimiento”; “de las Siete Palabras”; “de la Santa Cruz”; “Nazarenos dos de Fóra”; e “Misericordia”. Dende a súa formación, recibe unha subvención directa do Concello de 64.000 euros. Ademais, por primeira vez, e a instancias de Roel, teñen a súa disposición distintos locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe. A maiores, durante a Semana Santa, conta cunha carpa-museo de 30 metros de fondo onde expoñen todos os seus pasos.

Participantes na xuntanza

Na reunión, ademais de Besteiro e Roel, participaron: José Veiga, Presidente da Xunta de Confrarías; Sergio San Isidro, Vicepresidente; René Gómez, Secretario; Josefa Jirón, Tesoureiro; María del Carmen López, Hermana Mayor de la Santa Cruz; e Jorge Quellé, confrade.

Campionato de Baristas en Foz

Alumnos de segundo da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC están a gravar e a proxectar en directo o IV Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal que se desenvolve hoxe e mañá nas instalacións do E.I.S. focense. Isto é posible grazas ó convenio de colaboración entre o instituto de Foz, organizador do encontro, e a Fundación TIC, que desprazou unha unidade móbil ata a localidade mariñá. Gómez Besteiro, que tiña previsto participar nesta cita, non o puido facer logo de prolongarse a reunión do Padroado da Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia que presidiu, e que tivo lugar na sede da Fundación TOR en Monforte de Lemos.

Exit mobile version