Site icon Crónica3.com A Mariña

As rutas do Km0 contribúen esta semana a impulsar a hostalería de Ribadeo

Nota de prensa:
As rutas do Km0 contribúen esta semana a impulsar a hostalería de Ribadeo, O Saviñao, O Incio e Samos

– A parada de 310 persoas en restaurantes destes catro Concellos favorecerá un sector fundamental na economía da provincia

– Integrantes do colectivo veciñal “Ramón Ferreiro” e da asociación de loita contra o cancro de Lugo visitaron hoxe a localidade ribadense e a da Ribeira Sacra

O programa de rutas Km0 da Deputación contribúe esta semana a impulsar o sector hostaleiro de catro Concellos: Ribadeo, O Saviñao, O Incio e Samos. Deste xeito, os case 310 participantes na iniciativa farán unha parada en restaurantes destas localidades, contribuíndo a manter a actividade dos negocios, e favorecendo un sector que dá traballo a centos de persoas na provincia.

As primeiras viaxes desta semana no marco do Km0 realizáronnas hoxe 48 integrantes do colectivo lucense de veciños “Ramón Ferreiro” que visitará Ribadeo, e outro grupo, tamén de 48 persoas, pertencentes á Asociación Española contra o Cancro de Lugo que farán un percorrido por O Saviñao. No primeiro caso, logo de ser recibidos no Pazo de San Marcos, visitarán o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) para desprazarse seguidamente, á localidade ribadense onde comerán no restaurante “Marinero”. Irán despois a Illa Pancha, dende onde iniciarán un paseo ata chegar ó forte de San Damián. Para rematar, percorrerán o casco histórico. Polo que respecta ó grupo da Asociación Española de Loita contra o Cancro, tras ser recibido tamén na Deputación, viaxará ata o Mazo de Santa Comba. A comida terá lugar no restaurante “Durán” de Escairón. Logo, está prevista unha visita ó miradoiro Cabo do Mundo, un paseo pola praia da Cova e unha cata na adega “Vía Romana” de Chantada.

A programación continuará mañá con rutas polos municipios de O Incio e Ribadeo. Da primeira gozarán 48 solicitantes individuais e comezará cunha visita ó Mazo de Santa Comba. De seguido, farán unha ruta de sendeirismo no “CTR O Cabazo” do Incio, e coñecerán San Pedro de Fiz de Hospital. No caso da visita a Ribadeo, foi demandada pola asociación de veciños “Área Recreativa de Saa” da Pobra do Brollón. Participarán 55 integrantes do colectivo, que comezarán a xornada no CENTRAD e viaxarán de seguido á vila mariñana para comer no restaurante “Oviedo”. Farán unha travesía marítima, subirán ó ascensor panorámico instalado no porto deportivo de Porcillán e, finalmente, visitarán o casco vello e o convento das Clarisas.

Para rematala semana, 55 alumnos do colexio de Riotorto e outras 55 integrantes da agrupación de mulleres autónomas de Lugo redescubrirán Samos e Ribadeo, respectivamente. Os escolares riotortenses comezarán por coñecer a Fundación TIC e visitarán despois a capela do Ciprés, a área recreativa Río Oribio e o Mosteiro de Samos. A comida será no establecemento samonense “A Pontenova”. En canto ó grupo de mulleres empresarias, desprazaranse ó CENTRAD e, xa en Ribadeo, comerán no restaurante “Marinero”, farán unha travesía pola ría, subirán no ascensor panorámico e percorrerán o casco histórico e o convento das Clarisas.

Exit mobile version