Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo ultima a organización da XX Festa do Ourizo de San Cibrao para o 26 de marzo

Nota de prensa

CONCELLO, CONFRARÍA E HOSTALEIROS ULTIMAN OS PREPARATIVOS DA VINDEIRA FESTA DO OURIZO

Cervo, 22 de febreiro de 2011.- O concelleiro de Turismo, Rubén Fernández mantivo onte unha reunión cos responsables da Confraría de Pescadores de San Cipirán e con hostaleiros da localidade para perfilar o que vai a ser a 20ª edición da Festa do Ourizo de San Ciprián, que terá lugar nesta vila o vindeiro 26 de marzo.

O responsable municipal e hostaleiros centráronse no contido das actividades e accións complementarias que terán cabida na edición deste ano. Ao fío disto o delegado en materia de Turismo confirmou que está previsto levar a cabo por segundo ano consecutivo a degustación popular nunha carpa que se instalará na prazoleta da vila, unha vez rematen as charlas técnicas que tradicionalmente se desenvolven no Museo do Mar e que neste ano acadarán a súa edición decimoprimeira.

“O ano pasado puxemos en marcha esta idea e houbo unha afluencia de público aceptable. Por iso, decidimos repetir nesta edición co obxectivo de que a xente veña á vila xa pola mañá e non teña que esperar ata pola tarde para degustar ourizos a un prezo módico” indicou Rubén Fernández.

Fernández salientou tamén a boa disposición do pósito e dos hostaleiros a colaborar na festa. “Pretendemos que todos os sectores implicados nesta festa aporten o seu grao de area e contribúan a mellorar e potenciar este evento, o cal xa forma parte desde hai anos da nosa promoción tanto dentro da comarca, coma fora” indicou.

O concelleiro de Turismo cervense lembrou que esta festa comezou sendo unha degustación gastronómica promovida polos propios hostaleiros “e co paso do tempo ten gañando peso hasta o punto de converterse nun dos eventos que mais visitantes atrae a San Ciprián. Por iso penso que é de agradecer a súa labor e tamén a estimable colaboración da Confraría, porque sen eles esta celebración non tería razón de ser”.

Fernández agradeceu que, ano tras ano, os bares e restaurantes da localidade se impliquen na organización “mediante un alarde de imaxinación culinaria e amosándonos do que son capaces cunha materia prima tan nosa coma é o ourizo” indicou. Por último, anunciou que ao longo dos próximos días continuarase con estas xuntanzas para seguir afondando nos traballos preparatorios deste evento.

Exit mobile version