Site icon Crónica3.com A Mariña

Di o BNG que a cuarta parte do orzamento da Deputación para o Servizo de Axuda a domicilio foi parar a Xove

Nota de prensa:
Unha cuarta parte do presuposto provincial para o Servizo de Axuda a Domicilio foi parar a Xove

A área de Benestar Social da Deputación, xestionada polo BNG, impulsou as políticas sociais no Concello de Xove cunha inxección de máis de 160.000 euros

O candidato do BNG á alcaldía de Xove, Marco López, felicitouse polos preto de 164.000 euros que o departamento de Benestar Social da Deputación de Lugo dirixiu ao seu concello no ano 2010. López dixo non entender a actitude do goberno local: que “está caladiño” cando o PP na Xunta non achega “nin un euro” ás arcas municipais e quéixase porque as áreas xestionadas polo BNG na Deputación “nos outorgan moitos cartos”. Marco López preguntouse que é o que busca o PP de Xove con esa “actitude autista”.

En concreto a área nacionalista achegou 118.669,70 euros ao Servizo de Axuda a Domicilio, o que supuxo o 23% do orzamento destinado para a toda a provincia neste eido. Isto supuxo que case unha cuarta parte do presuposto provincial en atención domiciliaria fose parar a Xove.

Ademais o departamento que dirixe María Xosé Vega tamén destinou 44.835,89 euros para a Escola Infantil xovense, “o que vén demostrar unha vez máis o firme compromiso do Bloque Nacionalista Galego co noso pobo”, sentenciou Marco López.

Exit mobile version