Site icon Crónica3.com A Mariña

Isaac na Mariña

*
O 27 de outubro de 2009 o prestixoso intelectual e empresario Isaac Díaz Pardo recibía de mans da Súa Maxestade o Rei a Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes, que viña a sumarse ós numerosos distingos que, sobre todo dende o ámbito da cultura da nosa terra, levaba xa recibido o polifacético e ilustre intelectual, das mais representativas institucións e colectivos. Non vamos a incidir na personalidade de Díaz Pardo, por ser persoeiro dabondo coñecido no país e de xeito especial na nosa comarca, onde a súa obra cultural e empresarial ten unha especial incidencia: bastaría só con mentar a Sargadelos co que éste significa industrial, socio-laboral, cultural e, polo tanto, económicamente para a bisbarra. Inxente o labor realizado por quen é todo un símbolo da coherencia, da humildade, da dignidade, o esforzo e o amor á terra, que ten aportado, e segue a facelo, a Galicia en xeral, e á Mariña en particular, onde ó longo dos tempos non se prodigaron precisamente valedores semellantes. Isaac, cos seus ilustres cómplices promotores da ambiciosa operación de recuperar a memoria histórica, a través da cerámica tradicional, con novas formas baseadas na sabenza popular, trouxo á nosa bisbarra cultura, arte, prestixo e postos de traballo, directos e indirectos, e o nome dos nosos pobos acadaron renome universal.

O milagre da recuperación de Sargadelos, convertido en buque-insignia do grupo, fixo que A Mariña fose a gran beneficiaria desta dedicación desbordante de Díaz Pardo. Por eso os mariñáns, no seu conxunto, non podemos quedar á marxe das manifestacións de solidaridade con este home sen amosarlle, de xeito colectivo, o noso recoñecemento e gratitude a quen tanto leva feito pola nosa terra, á que trouxo valores imperecedoiros que quedarán gravados con letras de ouro, nas páxinas da súa historia. O non facelo sería dunha lamentable ingratitude.Hai algún tempo, Díaz Pardo recibía a Medalla de Ouro de Galicia, máxima distinción que concede o goberno galego; ao pouco O Mundo de Galea, de ámbito comarcal, investía a tan ilustre persoeiro, como Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela e o concello de Cervo, ao que expresamos os nosos parabéns, acaba de nomealo Fillo Adoptivo; iniciativas, e outras que se teñen producido, todas elas encomiables, pero entendemos que esta última debería ser solidaria entre os pobos mariñáns e ofrecerlle todos esa distinción conxuntamente, feito do que existe precedente, aínda que fosen outras moi distintas as motivacións e tamén o estatus político da sociedade. Estase aínda a tempo de artellar algunha actuación neste senso e sería desexable que os nosos gobernantes, aínda que por unha soa vez, fixesen gala dunha sensibilidade a cotío posta en entredito pola cidadanía, e fosen quen de facer realidade esa unión e solidaridade que de cando en vez pregoan nos xornais, e que non quedase en pura demagoxia, como sempre sucede.

Suso Fernández
* Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Foz.

Exit mobile version