Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis Talento e Menos Cemento contrario a que Barreiros esgote fondos municipais en gastos xurídicos

Nota de prensa:
MTMC critica que o concello de Barreiros esgote os fondos municipais para destinalos a inútiles gastos xurídicos

O colectivo Máis Talento e Menos Cemento, perante as últimas informacións que elevan a 300.000 euros a cantidade destinada polo goberno municipal de Alfonso Fuente Parga en avogados para defender os contenciosos abertos polo seu polémico plan urbanístico, manifesta o seu desacordo co que considera unha grave irresponsabilidade do alcalde de Barreiros, que carece de recursos económicos para afrontar o pago dos proveedores. Esta situación vén de se agravar co fallo desfavorábel do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, coñecido a pasada semana, que viría darlle a razón ao anterior goberno autonómico ao determinar que este non tería vulnerado a autonomía municipal cando suspendeu cautelarmente as normas urbanísticas que autorizaron a construción de numerosos edificios nas marxes da N-634. MTMC considera que as recentes declaracións de Fuente Parga, nas que recoñecía que este fallo non o sorprendeu, e que “xa agardaba” que fora desfavorábel, demostran a falta de consideración do alcalde cara aos veciños e veciñas aos que supostamente representa. Máis aínda, que pretenda recorrer a sentenza do TSXG indica o seu empecinamiento por continuar na mesma liña. Coa cantidade destinada desde 2008 a facer fronte ás numerosas denuncias e recursos interpostos, poderíanse ter realizado numerosas obras de interese xeral para o concello. Un exemplo claro sería a rehabilitación dos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, unha edificación de 1925, construída co esforzo dos emigrantes de Reinante e de San Miguel, e que hoxe podería convertirse no espazo de uso sociocultural do que carecen os veciños destas dúas parroquias. Pero non para aí a perda económica que o Sr. Fuente Parga lle ocasionou ao concello. A estes 300 000 euros hailles que engadir os 7 millóns de euros que Barreiros terá que pagar pola posta en marcha do Plan Sectorial Supramunicipal e os 12 millóns que deixou de ingresar dos promotores en concepto de aproveitamento urbanístico. Sumando estas cantidades, temos unha perda de case 20 millóns de euros para un concello cuns 3 millóns de orzamento, o que hipotecará o futuro de Barreiros durante moitas xeracións. Por isto resulta máis que cuestionábel que o Alcalde faga isto por “ben dos veciños” como adoita dicir nas súas declaracións aos medios de ocmunicación.

Desde Máis Talento Menos Cemento considérase que o alcalde debería deixar actuar á xustiza e non pretender converterse en xuíz e parte ao mesmo tempo nun proceso de grande complexidade e que está a supor un grande prexuízo económico para o concello.

O colectivo ten previsto celebrar unha mesa redonda no mes de marzo sobre o urbanismo do concello na que, xunto co xurista da Universidade de Santiago especializado en temas urbanísticos, Fernando Abel Vilela, e a arquitecta esperta en rehabilitación, Carlota Eiros, agarda contar coa presenza dun representante dos construtores da comarca e mais coa de Alfonso Fuente Parga. Máis Talento e Menos Cemento pretende, deste xeito, que os veciños e veciñas de Barreiros teñan a oportunidade de coñecer de primeira man os distintos argumentos nun asunto tan serio e complexo e que non debería estar suxeito a interpretacións á lixeira como as que nos teñen acostumados os membros da corporación barreirense.

Exit mobile version