Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros ve como unha boa nova a posta en marcha dos tramos da A-8

Nota de prensa:
ALFONSO FUENTE CONSIDERA UNHA BOA NOVA PARA O CONCELLO A POSTA EN MARCHA DOS DOUS TRAMOS DA A-8, QUE INAUGURA ESTA TARDE O TITULAR DE FOMENTO. O REXEDOR PEDIRALLE AO MINISTRO QUE NON SE ESQUEZAN DE PAGARLLES AS EXPROPIACIÓNS PENDENTES AOS VECIÑOS DE CELEIRO DE MARIÑAIS E DE VILAMAR.

Barreiros, 4 de febreiro de 2011. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, considera unha boa nova para o concello a posta en marcha dos dous tramos da A-8, que inaugura esta tarde o titular de Fomento, José Blanco. Fuente Parga pediralle ao ministro que non se esquezan de pagarlles as expropiacións pendentes aos veciños de Celeiro de Mariñaos e de Vilamar.

O rexedor dixo que “a inauguración hoxe destes tramos para Barreiros é unha boa nova, porque todo o tráfico que pasaba pola N-634 ao pé dos núcleos de poboación e das casas discorrerá agora pola autovía. Celeiro de Mariñaos e Vilamar soportaban unha grande carga de tráfico e agora os seus veciños poderán estar e vivir máis tranquilos ao reducirse o paso de vehículos por esa zona”. Alfonso Fuente sinalou que “agora non podemos lembrarnos dos retrasos, senón que hai que pensar que dous novos tramos da autovía se poñen en marcha. No obstante, como viñemos manifestando estes días desde o Concello, non queremos que Fomento se esqueza de pagar esas expropiacións aos veciños de Celeiro, de Vilamar e incluso temos algún caso en San Cosme”.

O alcalde de Barreiros aproveitará esta tarde “para lembrarlle a José Blanco que levamos máis de tres anos esperando pola cesión da N-634 ao paso polo noso concello, cesión que temos pedida para que se fagan as obras necesarias e que se aporten as cantidades que hai que aportar e se ceda esa vía, que pasará a ser local. Queremos que axilicen eses trámites e poidamos actuar nalgúns puntos desta nacional”.

Exit mobile version