Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz asegura que o crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde non resolverá os problemas de liquidez do concello

Nota de prensa

O BNG de Foz asegura que a solicitude do crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde non resolverá os problemas de liquidez do Concello

Basanta acusa ao alcalde de “gastar máis do que pode e de tirar á casa pola ventá”

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Foz a 11 de febreiro de 2011.- O BNG de Foz, despois de ler o informe dos servizos de Intervención do Concello, ten que manifestar que a operación de tesourería que aprobou o alcalde o pasado 27 de decembro de 2010 por importe de 700.000 euros non vai a resolver os problemas de liquidez do Concello porque o alcalde segue gastando máis do que ten presupostado. E aí radica o problema de fundo.

Segundo o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta, a falta de liquidez na que se atopa o Concello é consecuencia da mala xestión económica realizada durante estes catro anos polo actual grupo de goberno e principalmente polo seu alcalde, o Sr. Rivera. Unha xestión que o levou a dilapidar en catro anos -a través das diferentes modificacións de crédito- todo o remanente de tesourería que tiña o Concello e que superaba no ano 2007 os seis millóns de euros (6.000.000 €) levando ao Concello a esta situación de pedirlle aos bancos que lle adianten cartos para pagar as súas débedas.

A situación actual de falta de liquidez á que se chegou por parte do goberno local é debido a que no seu momento non se tomaron medidas tendentes a controlar o gasto ao mesmo tempo que mellorar o capítulo de ingresos, a pesar de que o BNG llo veu advertindo desde mediados de lexislatura que de seguir por ese camiño íase producir nas contas do Concello un desequilibrio orzamentario que poñería en risco a posibilidade de poder ofrecer aos cidadáns novos servicios e de atender debidamente os servicios existentes, limitando, por lóxica, tamén as futuras inversión municipais. Medidas como a recadación en vía executiva dos dereitos pendentes de cobro que non se atopen prescritos e que ascendían o ano pasado a 3.645.298,66 euros.

O propio informe de intervención sobre esta póliza de crédito detecta que “existe unha alta probabilidade de que a orixe desta operación teña unha orixe estrutural derivada dunha insuficiencia orzamentaria dos ingresos para facer fronte aos gastos e que de non tomar medidas atoparémonos nunha situación de encadeamento de operacións de tesourería que ao final encobren as necesidades de natureza orzamentaria, non de desfases entre ingresos e gastos”. Esta situación danos a entender que estamos diante dun alcalde e dun grupo de goberno que gasta máis do que pode e que diante dunhas eleccións municipais á vista pretende tirar a casa pola ventá á costa do erario público.

O BNG volve a reiterar a irresponsabilidade dun alcalde e dun grupo de goberno que gasta máis do que ingresa, que non tén ningún control sobre as contas públicas e que actúa como se o Concello fora a súa empresa particular levándoo a unha situación económica crítica.

Exit mobile version