Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo Rosalía de Castro e a rede museística de Lugo presentan “Follas Novas, Novas Follas” o día 24

Nota de prensa

Día de Rosalía nos Museos da Rede (, Museo Pazo de Tor , Museo do Mar , Museo San Paio de Narla) e Museo Rosalía en Padrón

Día de Rosalía nos Museos da Rede Museística

Con motivo do aniversario de Rosalía de Castro, o 24 de Febreiro,o Museo Rosalía de Castro e a Rede Museística de Lugo, presentarán unha proxección sobre a experiencia pedagóxica “Follas Novas, Novas Follas” gañadora do último certame da Fundación Rosalía de Castro( premio acadado por tres dos Museos da Rede: Museo do Mar , Museo Pazo de Tor , Museo de San Paio de Narla) e repartirán material didáctico da proposta aos grupos escolares que durante o día se acheguen aos Museos da Rede (San Paio, Museo do Mar e Pazo de Tor) e ao Museo da Fundación Rosalía de Castro en Padrón.

Recordar no día de hoxe o traballo desenvolto durante todos estes meses por un grupo multidisciplinar de persoas e sobre todo, un traballo realizado polos propios nenos de primeira man sobre Rosalía. Estas follas novas, estas follas de carballo que escollemos como símbolo do proxecto van máis alá do que unha folla pode dar a entender. Nelas, vai a sabia nova en forma de reflexión dun conxunto de rapaces de diferentes procedencias, reflexións instigadas pola verba rosaliana que exerceu de fertilizante e alimento para que estas novas follas agromasen até chegar ao seu esplendor. Follas de carballo, polo tanto folla caduca que, seca vai ao chan. Vai ao chan máis non a morrer, vai a alimentar a terra, a deixar nela os nutrintes adecuados para que nela agrome a vida, incen novas formas e continúe con fermosa fasquía a árbore da que forman parte. Para que o carballo da língua, da poesía, do achegamento entre culturas, do respecto e do trato en igualdade se mostre forte e rexo, vigoroso; coa forza precisa para continuar a medrar e ofrecer cada vez a máis xente a sombra da cordialidade, a madeira da comprensión do diferente e a landra da tolerancia. O esforzo común como guía para a viaxe que no tempo e no espacio fai a sociedade humana.

_____

Horarios e contacto cos museos da Rede Museística:

Museo Etnográfico San Paio de Narla
Torre de Xiá / 27220 Friol (Lugo) / Tfno.: 982 375 156 / sanpaiodenarla@museolugo.org / xerencia@museolugo.org / www.museolugo.org.
Horario: Desde 1 de outubro ao 31 de marzo (martes a venres: de 11 a 14 e de 16 a 18 h., sábados, domingos e festivos, de 12 a 14 e de 16 a 18 h. Permanecerá pechado os luns e os días 1 de xaneiro, 24, 25 e 31 de decembro. Entrada gratuíta.

Museo Provincial do Mar
Avenida da Mariña s/n / 27890 San Cibrao, Cervo (Lugo) / Tfno.: 982 594572 / museodomar@museolugo.org / xerencia@museolugo.org / www.museolugo.org.
Horario: De outubro a maio (Martes a sábado: 11 a 14 e 16 a 19 h., domingos e festivos: 11 a 14. Permanecerá pechado os luns e os días 1 de xaneiro, 24, 25 e 31 de decembro. Entrada gratuíta.

Pazo de Tor
San Xoán de Tor / 27591 Monforte de Lemos (Lugo) / Tfno.: 982 165534 / pazodetor@museolugo.org / xerencia@museolugo.org / www.museolugo.org.
Horario: De martes a domingo (visitas guiadas ás 11, 12:30, 16:30 e 18 h. Permanecerá pechado os luns e os días 1 de xaneiro, 24, 25 e 31 de decembro. Entrada gratuíta.

Exit mobile version