Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presenta unha moción para que a Deputación inste a Fomento a axilizar as obras do Corredor da Costa

Nota de prensa:
O GPPP quere que a Deputación inste a Fomento a axilizar as obras do Corredor da Costa

Lugo, a 19 de febreiro de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno do vindeiro martes unha moción para que se inste ó Ministerio de Fomento a que impulse a construcción do corredor entre San Ciprián e Barrreiros.

Salientan os populares na súa argumentación que Fomento mantén paralizado dende hai preto de dous anos o desenvolvemento administrativo que debería permitir a execución da vía de conexión entre as localidades de San Ciprián (Cervo) e Barreiros.

De feito, segundo explican, o departamento que dirixe o socialista José Blanco aínda non resolveu as alegacións rexistradas por distintos concellos, entidades e particulares, pese a que o 23 de xuño de 2009 no Boletín Oficial do Estado (BOE) publicábase o anuncio polo que se sometía a información pública a aprobación provisional do estudo informativo e de impacto ambiental desta estrada.

Dende o GPPP chaman a atención sobre a importancia do devandito prazo xa que representa un flagrante incumprimento da lexislación vixente, tendo en conta que o artigo 34.9 do Real Decreto 1812/1994, de 2 de setembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Estradas, establece taxativamente que a Dirección Xeral de Estradas do Estado, no prazo de dous meses, contados a partir de que expire o prazo concedido para a información pública, emitirá un informe único no que se consideren todos os escritos presentados durante ésta e proporá a correspondente resolución do expediente.

Preto de dous anos máis tarde, as manobras dilatorias do Goberno socialista central, non só están a privar ós veciños da Mariña lucense dunha infraestructura vital para a vertebración e mellor conexión viaria da comarca, segundo recalcan os populares, senón que incluso nin tan sequera se coñece cal será o trazado definitivo da vía.

A falta de vontade e nulo interese do Ministerio de Fomento contrasta, segundo explican na moción os populares, co compromiso e o traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia no seu ámbito de competencia, isto é, nos treitos de titularidade autonómica que unirán as localidades de San Ciprián (Cervo) e Ferrol, e sinalan a este respecto que o investimento realizado polo goberno que preside Alberto Núñez Feijóo no tocante ós treitos lucenses superan os 30 millóns de euros, o que multiplica por dez as propias previsións orzamentarias do Estado.

Exit mobile version