Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP queixase en Masma dos accesos provisionais ao novo tramo da autovía do Cantábrico A-8

Nota de prensa

Os alcaldes de Lourenzá, Alfoz, O Valadouro, a alcaldable popular de Mondoñedo, xunto aos deputados Emma Álvarez e Jose Manuel Balseiro e a senadora Mariña Gueimunde desprazáronse ata a rotonda do Masma para facerse eco das múltiples queixas que están a provocar as deficiencias na execución da autovía

AS PRESAS DE JOSE BLANCO POR INAUGURAR TRAMOS INCOMPRETOS DA A-8 OBRIGA AOS VECIÑOS DA MARIÑA A DAR RODEOS NOS ENLACES PROVISIONAIS DE ENTRADA AS SÚAS VILAS

o Vehículos pesados, agrarios e de grande envergadura teñen dificultades nas manobras a desenvolver nas rotondas e durante os percorridos dos accesos provisionais.

o Os gastos que supuxo o acto inaugural destes dous tramos e na habilitación das rotondas provisionais deberan ser destinados ao pago das indemnizacións pendentes dos veciños expropiados, que aínda están á espera de que Fomento efectúe os seus abonos.

A Mariña, 5 de febreiro de 2011- As excesivas presas do Ministro de Fomento, Jose Blanco, por inaugurar os tramos incompletos da autovía do Cantábrico (A-8) obriga a moitos veciños da Mariña a dar rodeos e transitar varios quilómetros en sentido contrario como consecuencia da sinalización e execución defectuosa dos enlaces provisionais de entrada as súas vilas.

Os alcaldes de Lourenzá, Vidal Martínez, Alfoz, Emilio Lousas, O Valadouro, Eulogio Fernández e a alcaldable do Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, desprazáronse xunto aos deputados autonómicos do PP, Emma Álvarez e Jose Manuel Balseiro e a senadora popular María del Carmen Gueimunde, ata a rotonda provisional do Masma, para facerse eco das múltiples queixas que están a provocar as deficiencias na execución da autovía.

PRESAS POLA INMINENCIA DAS MUNICIPAIS

Os populares atribuíron “estes accesos provisionais chapuceiros” á urxencia que Jose Blanco quixo darlle á inauguración destes tramos cun dobre obxecto: disimular a parálise na que se atopa a execución da autovía do Cantábrico no tramo aínda por finalizar, e intentar facer que esquezamos os meses que a finais de 2010 esta autovía estivo sen ningún tipo de maquinaria e obra por falta de fondos. O Ministro de Fomento non foi capaz de esperar uns meses á que se solucionaran todos estes problemas, porque ante a inminencia das eleccións municipais a normativa electoral prohibe as inauguracións, e polo tanto decidiron facelo coas obras aínda sen rematar.

SAÍDAS PROVISIONAIS

Os dirixentes populares explicaron tamén que vehículos pesados, agrarios e de grande envergadura teñen dificultades nas manobras a desenvolver nas rotondas e durante os percorridos dos accesos provisionais. Os propios alcaldes transmitiron estas e outras queixas ao Ministro de Fomento quen eludiu dar unha solución emprazándolles a tratar este asunto coa Demarcación de Estradas do Estado. A autovía está pensada para que os seus usuarios pasen de largo, pois se queren acceder ata Lourenzá a saída provisional habilitada obriga a transitar dous quilómetros costa arriba e en sentido contrario, cando sería posible establecer un enlace máis directo. Situación similar acontece no caso de que se queira acceder a Alfoz e O Valadouro onde incluso se lles obriga a percorrer entre 5 e 6 quilómetros adicionais, sen ningún tipo de fundamento. Os veciños de Mondoñedo tampouco se libran dos erros na execución da autovía e a saber durante canto tempo, visto a pouco intención de Fomento de dar solucións.

GASTOS SUPERFLUOS CON MELLOR DESTINO

Segundo os populares se tiveran aforrado o gasto que supuxo o acto inaugural destes dous tramos, un exemplo claro de gasto supérfluo, e se tiveran executado correctamente as saídas da autovía sen necesidade de habilitar rotondas e enlaces provisionais valoradas en máis os 300.000 euros, todo este diñeiro podería terse destinado ao pago das indemnizacións pendentes aos veciños expropiados, outro dos grandes erros de Fomento, que inaugura as obras sen ter saldados ás débedas cos antigos propietarios dos terreos polos que transcorre a nova vía.

Exit mobile version