Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Xunta xa dá por cumpridos “os obxectivos máis perentorios en materia de territorio”

Nota de prensa

Feijóo: “Coas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral Galicia cumpre unha asignatura pendente, ter por primeira vez un marco normativo estable que ordene o territorio e protexa o litoral de forma efectiva”

*
Destaca que os obxectivos máis perentorios en materia de territorio están cumpridos antes da metade la lexislatura
*
Salienta que a Xunta ordena tres veces máis que na lei dos 500 metros e incrementa un 57% a área do litoral protexida
*
Remarca que os concellos, os organismos implicados e o Goberno central tiveron a oportunidade de participar e opinar na elaboración das DOT e do POL
*
Subliña que o Goberno galego contribúe a mellorar as facendas locais ao permitir por primeira vez que os 113 concellos beneficiarios do canon eólico perciban de xeito inmediato un anticipo do 90% do importe

Santiago, 10 de febreiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que coa aprobación definitiva das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e do Plan do Litoral (POL) Galicia cumpre unha asignatura pendente, dispor por primeira vez dunhas regras do xogo “claras e definidas”, dun marco normativo estable que ordene o territorio e protexa o litoral de forma efectiva.

Así o salientou o titular do Goberno galego tras a reunión do Consello da Xunta na que se autorizou de forma definitiva estes dous documentos, tras o informe favorable do Goberno de España. “Completamos a planificación territorial; os documentos que han de guiar a xestión territorial das próximas décadas, que van guiar a ordenación territorial de Galicia para o próximo medio século”, destacou Feijóo.

O presidente galego subliñou que as DOT e o POL eran documentos “inaprazables”. “Antes de que se cumpra a metade da lexislatura, os compromisos máis perentorios co territorio quedan finalizados”, manifestou o titular da Xunta, quen resaltou que Galicia “fixo os deberes” co obxectivo dun territorio sustentable, máis viable e máis forte.

Feijóo explicou que, con esta aprobación, a Xunta ordena 215.359 hectáreas, o 7,27% da superficie total de Galicia, “tres veces máis en hectáreas que a lei dos 500 metros xa derrogada”. “Preservamos 9.625 hectáreas fronte ás 6.135 da lexislatura anterior, incrementándose un 57% a área do litoral protexida”, engadiu.

O presidente galego subliñou a responsabilidade do Goberno da Xunta na elaboración das DOT e do POL: “Tiveron a oportunidade de participar e de opinar todos os concellos, os organismos implicados e o Goberno central”. “Creo que fixemos un bo traballo que pode quedar a disposición da sociedade civil e dos que nos precedan”, engadiu.

Apoio da Xunta aos concellos
O presidente galego destacou tamén a aprobación hoxe polo Consello da transferencia a 113 municipios galegos do importe recabado grazas ao canon eólico impulsado polo Goberno autonómico. “Seguimos cumprindo, dentro das nosas posibilidades económicas e financeiras, coas axudas imprescindibles para mellorar o financiamento local”, subliñou Feijóo, que, tendo en conta “o estado da tesourería local”, a diferenza do exercicio anterior, este ano os municipios poderán percibir “de maneira inmediata” un anticipo do 90% da contía que lles corresponde polo canon eólico.

O xefe do Goberno autonómico sinalou que dos 113 concellos galegos que percibirán o canon eólico, o 70 por cento son municipios que teñen instalados parques eólicos no seu ámbito territorial e o 30 por cento restantes se destinan a promover actividades relacionadas co medio ambiente noutros concellos.

Exit mobile version