Site icon Crónica3.com A Mariña

Partir A Mariña en dous

Desde a asociación de veciños Cruz da Venta, no seu día decidimos adherirnos a unha plataforma na que se integraron un amplo número de colectivos veciñais, de todo ámbito e plurais, co obxectivo de impulsar a construción do corredor da costa. Críamos e seguimos crendo que esta comarca non pode renunciar a unha arteria vital para a comunicación dos distintos concellos do litoral, tanto coa Coruña como coa autovía do Cantábrico. Somos o motor económico da provincia, pero estamos mal comunicados, o que parece ser un mal endémico e enquistado- fronte ao que nin podemos nin queremos seguir resignándonos.

Por todo iso a esta asociación, pero estou seguro tamén ao conxunto dos veciños desta comarca, dóenos escoitar que  case 20 meses despois de superado o prazo máximo legal para facelo, Fomento aínda non ten resoltas as alegacións ao estudo informativo do corredor e,  polo tanto, preto de dous anos despois nin tan sequera coñecemos o seu trazado definitivo. Aquí o que menos importa é o partido político responsable desta desfeita, non queremos entrar neste xogo nin en facer máis valoracións sobre o escaso compromiso de Jose Blanco, ao que simplemente lle esiximos é unha solución… Que nos diga xa cando van a licitarse as obras, cando as adxudicará e con que cartos as  ten previsto pagar. O corredor ten que deixar de ser un eterno debate de futuro para facerse realidade no presente. E se non son capaces de comprendelo en Fomento serán uns auténticos irresponsables.

Ao igual que o camiñar, que se demostra andando, o compromiso dos gobernos esixe menos declaracións e máis papel oficial, que a resolución das alegacións, as licitacións e  adxudicacións aparezan nos boletíns oficiais e as obras comecen de verdade. Creo que xa pasaron demasiados anos e pouco o nada teñen feito, e xa estamos cansos. Uns e outros deben amosar a súa vontade sobre o terreo, e só a través destes feitos  os xulgaremos. Cando calquera de nos pasamos polas obras en execución do treito autonómico do corredor en Xove, chega ao noso pensamento que corremos o risco de partir A Mariña en dous: cara Ferrol teremos unha estrada en obras, cara Barreiros aínda non sabemos nin por onde vai ir. Chegou a hora de dicir basta e pedirlle a Fomento que deixe de xogar co futuro de toda esta comarca. Xa pasou demasiado tempo como para que sigan tomándonos por parvos.

José Roda Vázquez

Presidente AAVV Cruz da Venta

Exit mobile version