Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 200 persoas na xornada sobre a protección da legalidade urbanística organizada pola EGAP

Nota de prensa

PRETO DE 200 PERSOAS PARTICIPAN NA XORNADA SOBRE A PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA ORGANIZADA NO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA

* A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, inaugurou o acto apelando á necesidade de “manter unha clara liña de colaboración coas entidades locais” en materia de urbanismo, seguindo a liña aberta pola APLU

Lugo, 22 de febreiro de 2011.- Preto de 200 persoas asistiron á Xornada sobre a protección da legalidade urbanística organizada hoxe no Edificio Administrativo da Xunta pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

A xornada foi inaugurada pola delegada territorial, Raquel Arias, que diante dun auditorio composto na súa meirande parte por alcaldes, concelleiros e técnicos da administración local, avogou pola necesidade de “manter unha clara liña de colaboración coas entidades locais”, de xeito que se intensifique “o papel dos concellos e a autonomía municipal na procura dunha maior axilidade nas tramitacións urbanísticas”.

Esta idea inspira a creación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), un órgano que conta coa adhesión voluntaria dos concellos para, como resaltou Arias, actuar non só no ámbito meramente punitivo “senón como instrumento que axuda a utilizar o regulamento urbanístico na procura do interese xeral”. De feito, destacou, “a APLU está a conseguir que sexan os propios interesados os que repoñan a legalidade urbanística”.

Na inauguración participaron tamén a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas; o director da EGAP, Pablo Figueroa Dorrego, e a directora da APLU, María Martínez Allegue, encargada tamén do primeiro relatorio, sobre a natureza, obxectivos e entidades integradas neste organismo.

Na xornada debateuse sobre a protección da legalidade urbanística e sobre as novidades e modificacións producidas polas leis máis recentes relacionadas coa xestión do solo e coa reposición da legalidade urbanística, explicando o funcionamento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Ademais, resaltáronse os mecanismos de control previos establecidos pola lei para concienciar á sociedade sobre a importancia de que tanto a cidadanía como os poderes públicos adquiran responsabilidades no eido do urbanismo.

Segundo palabras do director da EGAP, o papel do urbanismo é un elemento esencial na “evolución da poboación e na transformación do territorio que debe conseguir a satisfacción das necesidades sociais, económicas, ambientais e estéticas”. Recordou tamén, que existe unha demanda real “de formación especializada por parte dos que se dedican ao urbanismo, non só dentro da Administración pública” senón tamén no ámbito privado; polo que é preciso “investir en coñecemento para crear unha verdadeira cultura do territorio”.

Haberá máis xornadas informativas sobre urbanismo o día 25 en Ourense, e os día 11, 18 e 25 de marzo, en Pontevedra, Vigo e Ferrol, respectivamente.

Exit mobile version