Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente advirte que Viveiro ten demografía regresiva e non pode ampliar a capacidade residencial

Nota de prensa

Medio Ambiente advirte ao Concello de Viveiro que non pode ampliar a súa capacidade residencial nun 70%, tendo en conta que a súa tendencia demográfica é regresiva

*
O PXOM propón incrementar a capacidade residencial en case 20.000 vivendas no conxunto do concello nos vindeiros 10 anos
*
Tamén se solicita que se identifiquen os sistemas xerais de infraestruturas, sistemas xerais de comunicacións coa súas zonas de protección, de espazos libres e zonas verdes
*
No documento non se identifican nin se expresa a superficie dos espazos libres e dotacións
*
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo enviou esta mañá un informe ao Concello de Viveiro, no que se lle indican as correccións que debe introducir para poder aprobar o Plan Xeral

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traslada ao Concello de Viveiro que non pode ampliar a súa capacidade residencial nun 70%, tendo en conta que a súa tendencia demográfica é regresiva. Así se lle pon de manifesto nun informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Viveiro, en Lugo, emitido esta mañá pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Neste documento, aclárase que se deben facer unha serie de correccións sobre o documento de planeamento, co fin de poder aprobar o plan de ordenación. Neste senso, solicítase a xustificación do Pxom para motivar a previsión de crecemento de solo urbano e do urbanizable para usos residencias non se axusta á necesidade real.

A memoria do Pxom prevé unha capacidade residencial total de 19.835 vivendas no conxunto do concello nun horizonte temporal de 10 anos. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2009, o Concello de Viveiro ten 16.238 habitantes e a súa tendencia demográfica é regresiva. O parque residencial do concello era de 8.193 vivendas segundo o INE (ano 2001); segundo o PXOM son actualmente 11.659.

Outra das correccións que se sinalan é que o PXOM deberá aportar un plano de estrutura xeral e orgánica do territorio da totalidade do termo municipal, onde se identifiquen os sistemas xerais de infraestruturas (sinalando as principais vías e a súa titularidade), sistemas xerais de comunicacións coas súas zonas de protección, de espazos libres e zonas verdes públicas, de equipamento comunitario público e de servizos urbanos.

En relación coas reservas de solo do sistema xeral de espazos libres e zonas verdes de uso e dominio público, o plan de ordenación debe identificar os espazos libres e dotacións, expresando a súa superficie e diferenciando existentes de previstos, sistemas xerais de dotacións locais, e públicos de privados, tanto na memoria como na documentación gráfica.

Tamén existen algunhas dotacións nas beiras dos cauces que semellan ocupar terreos asolagables e que posúen características topográficas adversas, sendo en consecuencia inadecuados para este uso. Polo tanto, o plan debe xustificar que as dotacións previstas cumpren as condicións de accesibilidade, funcionalidade e integración na estrutura urbanística.

Clasificación de solos
En relación cos solos non queda suficientemente acreditado se dean os requisitos que determinan a clasificación como solo urbano -no que respecta á suficiente dotación de servizos-, en Celeiro no grupo de vivendas de Atalaia, en Covas nas beiras do Camiño Nogarido-Cimiterio, e en Viveiro nos terreos ao norte da Avenida Benito Galcerón.

Asemade, tendo en conta o Plan de Ordenación do Litoral, o informe tamén sinala que se debe analizar a integración dos principios, normas e criterios aplicables aos polígonos de solo urbano non consolidado, por tres razóns: abarcar zonas de mellora ambiental e paisaxística, zonas de protección costeira e de mellora ambiental e paisaxística ou zonas dun corredor ecolóxico.

Por último, tamén se solicita corrixir outras cuestións de índole documental, como o feito de que nos planos de clasificación deberán identificarse claramente cos seus códigos os sectores urbanizables previstos e revisar varios puntos das memorias, xa que semellan facer referencia a outro concello.

Exit mobile version