Nota de prensa
O GRUPO GAÑADOR DE “MÚSICA XOVE” GRAVARÁ UN DISCO EN SOLITARIO E 4 FINALISTAS, UN COMPARTIDO
O delegado de Cultura e Deporte anunciou que ven de aprobarse o expediente de contratación para a realización deste proxecto por valor de 50.000 euros
Antonio Veiga informou de que “son 42.372,88 euros e 7.627,12 euros en concepto de IVE, que se destinaron a un certame de música de estilo pop-rock. O proxecto, que comezou no 2010 e rematou no 2011, contemplaba que os grupos que quixeran participar en Música Xove se presentaran ata o pasado mes de decembro nos centros de ensaio de Monforte de Lemos, Ribadeo, Ribas de Sil e Viveiro”. Estes locais, como explicou Veiga, “foron feitos pola anterior Dirección Xeral de Xuventude do goberno bipartito, que aproveitou locais vellos ou creounos novos para que reactivar ese sector musical e que os grupos tiveran un lugar para ensaiar”.
O delegado explicou que “se presentaron un total de 14 grupos, dos cales se admitiron 9, e as condicións eran ter o seu domicilio na provincia de Lugo e non ter máis de 30 anos no momento da preinscrición”. “O gañador gravará un disco en solitario, do que se editarán 1000 copias, e 4 finalistas gravarán un compartido, editándose deste outras 1000 copias”, anunciou Veiga. O delegado comentou que “dende a Área de Xuventude quíxose dar resposta á demanda de atención dos grupos do eido do pop e do rock, xa que na provincia hai un bo número deles”.
Por outra banda, corrixiuse un erro nas bases que rexerán a oferta dunha bolsa formativa en materia de xestión administrativa no eido cultural e dunha bolsa formativa en materia de xestión de instalacións no eido do deporte para a Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo no ano 2011. Nos requisitos dos aspirantes á Bolsa en materia de Xestión Administrativa no eido Deportivo, debe incluírse ter cursado e superado a licenciatura en Educación Física.